Saltar ao contido

OS ERROS DE LANZAMENTO, LASTRAN AO BM.CULLEREDO ANTE O DISICLÍN BM.LALÍN

(SM) BM Culleredo - Disiclín Balonmán Lalín

O BM.Culleredo, non puido puntuar o pasado sábado ante o Disiclín BM.Lalín e saíu derrotado por dous goles de diferenza. Unha derrota por escasa marxe, pero que foi suficiente para que os cullerdenses non puidesen celebrar eses dous puntos que lles outorgarían virtualmente a permanencia. Por tanto, o equipo de Culleredo terá que continuar nesa loita nas catro xornadas que restan para selar o obxectivo canto antes, favorecidos por esa diferenza de cinco puntos que os separan dos postos de descenso, pero coa intención de resolver o armazón antes da última xornada.
No partido ante o conxunto dezán, o BM.Culleredo comezou cun alto ritmo de balón, moita mobilidade na súa primeira liña e atopando situacións francas de lanzamento, pero os erros nos seis metros ante a portería rival, foron un lastre que, ao cabo, condicionaría o devir do encontro. Un 1 de 10 en lanzamentos noutros tantos minutos, outorgaba unha vantaxe cómoda aos visitantes (1-5), que afrontarían o primeiro acto coa tranquilidade que dá o bo facer do seu porteiro baixo paus. Pronto se vería obrigado o BM.Culleredo a trastornar os seus plans, que chegaría ao tempo de descanso cunha desvantaxe de tres goles e un cúmulo de erros en lanzamentos francos que estaban a frustrar as opcións de poñerse por diante. Facíase evidente que na continuación, este era un tema claro a mellorar, pero esa mellora non chegaría, de feito, outro tramo no que o equipo acumularía un 2 de 14, supoñería un pau definitivo para as aspiracións de sacar algo positivo. O BM.Culleredo non se daba por vencido, tentaríao de diferentes formas e chegaría a achegarse a tan só dous goles, pero unha última exclusión a falta de tres minutos, sería definitiva para que os dezáns puidesen anotar facilmente desde a liña e levarse os dous puntos en xogo.

BM.Culleredo: 26 (13+13). Xoán Varela (P), Jorge López (P), Alejo Martínez (1), Manuel López (3), Alejandro Gómez (9), Marcos Regueiro, Mario Crecente (2), Darío Pérez, Iago Ferreiro (4), Iván Sánchez, Nico Casal, Samuel Seijas (3), Nico Pérez, Nuno Loxo (2), Adrián Díaz (1), Pedro Pereira (1).

Disiclín Balonmán Lalín: 28 (16+12). Marcos Vázquez, Ramón Gil (6), Brais Cangado, Adrián Crespo (2), Martín Losón (2), Miguel García (3), Alejandro López, Xabier Batán (5), Miguel López (2), Roi Sierra (2), Xosé Cuiña (2), Alejo Varela (3), Iago González, Adrián Losón, Adrián Ferradás (1), Víctor Hidalgo.

Parciais cada 5´: 0-4 / 1-5 / 3-8 / 7-11 / 10-13 / 13-16 / Descanso / 16-19 / 16-21 / 17-22 / 20-23 / 21-24 / 26-28 / Final. 

Colexiados: Mauro Montero e Christian García.

Incidencias: 26ª xornada da temporada 2024/25 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no pavilón de Tarrío cunha boa entrada.

Fotos do encontro:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *