Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO, PLANTA CARA A UN DOS GRANDES ATA O ÚLTIMO TRAMO

LIRON TEUCRO 80 Aniversario - BM CULLEREDO

O BM.Culleredo, compareceu o pasado sábado no pavillón Dos Deportes de Pontevedra para medirse a un dos favoritos deste grupo A de a 1ª nacional, o Lirón Teucro 80 Aniversario. O encontro iniciaríase cun conxunto local facendo dano nas transicións e colocando un perigoso 5-2 no electrónico que obrigaba ao conxunto cullerdense a non perder balóns e axustar o seu balance. A reacción non se fixo esperar e cun parcial de 0-3, o BM.Culleredo conseguiría igualar a contenda (5-5). No medio deste tramo, sucederíanse erros non forzados e perdas de balón que lastraban a uns e a outros, aínda que o conxunto de Culleredo aumentaba as súas prestacións co paso dos minutos. O ritmo de balón era alto no posicional e a mobilidade dos xogadores óptima, aínda que á hora de buscar a finalización, a xoven primeira liña cullerdense, cunha media de 18 anos, atopaba moitos problemas ante a superioridade física do rival. Isto conlevaba situacións onde os ataques sufrían numerosos golpes francos e, por tanto, alongábanse en exceso, ata o límite do pasivo. Os xogadores do BM.Culleredo eran pacientes e non caían na desesperación comprometendo balóns que poderían romper a igualdade que dominaba nos dez minutos que ían entre o dez e o vinte, instante no que os teucristas conseguirían unha pequena renda de tres goles ca que se chegaría ao descanso (14-11).
Na continuación, o BM.Culleredo pronto conseguiría a igualada, sacando partido ao gran labor defensivo de Iván nun 5:1 zonal que xa se lle empezaría a atragoar ao conxunto local no último tramo do primeiro acto. Precisamente e con igualada a 18, o equipo terminaría por notar a lesión de Iván, que se tiña que retirar do campo por unhas molestias no isquiotibial da súa perna esquerda. A partir dese momento, un parcial de 9-2 terminaría por decantar o encontro cara ao conxunto teucrista, que aproveitaría as múltiples imprecisións e erros non forzados para acometer o tramo final do envite de forma prácida.

Lirón Teucro 80 Aniversario: 32 (14+18). Miguel Jiménez, Sergio Wagner (8), Xenxo Gonta, Roi González, Andrés Pérez (4), Miguel Monteagudo (1), Brais Cerviño (1), Anxo Fraga, Martín González (2), Caue Herrera, Ricardo Antón González (7), Eloy Krook, Rhuan Marchete Pereira (3), Gonçalo Areias (5), David Pintos, Sergio Cortizo (1).

BM.Culleredo: 23 (11+12). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Adrián Veira, Manuel López, Pedro Pereira (5), Marcos Regueiro (2), Iván Sánchez (2), Iago Ferreiro (2), Mario Bento, Samuel Seijas (4), Nico Casal (1), Mario Crecente (3), Darío Pérez, Nuno Loxo (2), Adrián Díaz (2).

Parciais cada 5´: 3-1 / 5-5 / 7-7 / 9-8 / 12-9 / 14-11 / Descanso / 15-14 / 17-17 / 20-18 / 25-19 / 29-21 / 32-23 / Final. 

Colexiados: Julio Villanueva e Pablo Torreiro.

Incidencias: 25ª xornada da temporada 2024/25 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no pavillón Dos Deportes de Pontevedra cunha boa entrada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *