
O BM.Culleredo Despreocúpate.es, non puido no último partido da liga regular co Pizzería Baratto Luceros de Cangas e saíu derrotado de forma contundente por un rival que se mostrou moi superior desde o asubío inicial. Os do Morrazo, superaron en todas as fases do xogo a un conxunto cullerdense que volveu caer nos mesmos erros de anteriores xornadas: Unha defensa mal posicionada, pouco intensa e un ataque con erros tácticos importantes. Agora, o BM.Culleredo Despreocupate.es xogará a mediados de Abril a Final Four da categoría, en busca da praza que queda para disputar o próximo campionato de España, aínda que moito terá que mellorar nos dous aspectos mencionados con anterioridade se o equipo desexa ter opcións ante rivais que lles superaron na competición ligueira de forma clara e contundente.
No encontro de onte Domingo, os corenta goles encaixados (vinte ao descanso) volverían ser un lastre imposible de superar. Nin en 6:0, nin en 5:1 clásica ou zonal o equipo respondería, véndose superado en todo momento polo conxunto visitante. A intensidade non era a adecuada, os contactos pouco contundentes e expeditivos e o traballo colectivo previo e na cadea de axudas, inexistente. En ataque, o equipo non soubo xogar ante o 5:1 exposto polo conxunto de Cangas, adoecendo de disciplina táctica e estrelándose unha e outra vez contra o bloque central debido ao abuso de accións anárquicas e individuais. A falta de xogo colectivo e de continuidade de balón, favorecía os intereses da retagarda visitante. O traballo de desdobramentos, tanto de primeira como da segunda liña, non existían e, cando se expuñan, as accións perdíanse nas pavías por falta de rigor táctico no 2x2. O Pizzería Baratto Luceros, aproveitaría as facilidades que lle daba o seu rival para moverse en diferenzas cómodas desde o inicio e dominar ao descanso por un claro 15-20. Se no primeiro tempo o control do equipo foráneo fora total, na continuación, as diferenzas entre ambos os conxuntos ampliaríanse. O BM.Culleredo Despreocúpate.es, estrelábase unha e outra vez contra a defensa do Pizzería Baratto, caendo en continuos erros de precipitación ao querer resolver de forma individual. Estes, aproveitaban os continuos fallos de lanzamento e as perdas de balón do rival para romper o partido definitivamente e ampliar os algarismos con rápidos contragolpes. O BM.Culleredo Despreocúpate.es, non sabería poñerlle freo a ese ataque tan desorganizado e a diferenza chegaría a ser de quince goles en contra. Na última parte e cando o partido xa estaba visto para sentenza, os cullerdenses conseguirían reducir a distancia cun parcial de 5-1, sumando algunha recuperación e defensa de éxito para rebaixar os algarismos e ceder por un marcador final de 31-40.
BM.Culleredo Despreocúpate.es: 32 (12+20). Hugo García (P), Jorge Amor (P), Iago Bolaños (P), Jairo Candamio, Lucas Faraldo, Alejandro Soto, Martín Casal, Teo Gómez, Isaac Lorenzo, Hugo Bermúdez, Xoán Canedo, Iván Gantes, Diego Rodríguez, Hugo Bregua, Adrián Aneiros.
Pizzería Baratto Luceros: 44 (29+15). Dimitrije Doder, Simón Hernández, Gabriel Señoráns, Xurxo Otero, Xabier Gallego, Beltrán González, Telmo Mille, Jorge Varela, Hugo Lago, Mateo Rosales, Hugo Bouso, Andrés Varela-Portas.
Parciais Cada5´: 3-5 / 5-7 / 8-11 / 10-14 / 12-17 / 15-20 / Descanso / 17-28 / 20-30 / 21-34 / 23-38 / 26-39 / 31-40 / Final.
Colexiado: Martina Regueiro e Daniel González..
Incidencias: Encontro correspondente á derradeira xornada da Liga Ouro cadete masculina. Partido disputado nun polideportivo de Almeiras cas bancadas cheas de afeccionados de ambos os conxuntos.
