Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO MANTÉN AS SÚAS OPCIÓNS INTACTAS APESARES DE CEDER ANTE O GRANITOS IBÉRICOS CARBALLAL

(SM) BM Culleredo - Granitos Ibéricos Carballal

O BM.Culleredo, non puido sorprender ao potente Granitos ibéricos Carballal e, desa forma, ampliar a súa racha positiva despois da vitoria conseguida a domicilio a pasada semana. Os olívicos, que están inmersos na loita por conseguir unha praza que lles da posibilidade de disputar a fase de ascenso, querían evitar calquera tipo de sorpresa e demostrárono realizando un partido moi serio e unha primeira parte onde non deron opcións ao seu rival. A saída do equipo de Vigo foi incontestable e, apostados nunha ferrea defensa, levantaron un muro inexpugnable para os locais, establecendo un primeiro parcial contundente que obrigaba a técnico cullerdense a solicitar tempo morto (0-5). O BM.Culleredo daba continuidade ao balón, apostaba por un xogo colectivo e daba sentido táctico no ataque posicional, pero á hora da finalización, a diferenza de forza nas situacións de 1x1 ou de 2x2 facíanse moi evidentes a favor do conxunto foráneo. O Granitos Ibéricos Carballal estaba a expoñer a súa mellor versión: contundencia defensiva, velocidade, exquisita finalización tanto na segunda como na primeira liña e xogo colectivo que abría moitas opcións de finalización e, por tanto, provocaba imnumerabeis problemas aos cullerdenses. Ante as dificultades e a diferenza que reflectía o electrónico, o BM.Culleredo veríase obrigado a asumir riscos moi pronto, variando a súa defensa e ataque iniciais, acudindo ao plan B. Se a retagarda apostaba agora por un sistema 5:1 coa intención de provocar o erro na primeira liña olívica, no posicional optábase por atacar con sete xogadores para tentar atopar os espazos cara ao gol en superioridade numérica. O resultado ao descanso facía practicamente imposible a remontada, pero o BM.Culleredo íao tentar (9-18).
No segundo acto, coa zumarenta vantaxe adquirida, o conxunto de Vigo limitaríase a contemporizar, evitar sobresaltos e xogar co ritmo que máis lle interesaba. O BM.Culleredo, pola súa banda, conseguiría sacar rédito ao 7x6, aínda que a súa retagarda non lograba manter unha regularidade e constancia que lle permitise poñer en dúbidas o dominio do rival. Animicamente, sí que servirían os segundos trinta minutos para rematar o encontro con mellores sensacións e ese parcial de 15-13 a favor que impide unha dolorosa e avultada diferenza. A batalla do BM.Culleredo continua intacta e con eses cinco puntos de marxe con respecto aos postos de descenso que lles poden dar a vida neste tramo final de campionato. Agora haberá que repoñerse para ir á cancha doutro dos favoritos para conseguir praza para a fase de ascenso, o Lirón Teucro. O equipo desexa conseguir competir mellor que esta semana e poder sacar algo positivo, como xa estivo preto de facelo na primeira volta contra o devandito equipo.

BM.Culleredo: 24 (9+15). Oscar Bello (P), Jorge López (P), Adrián Veira, Mario Bento, Manuel López (1), Iván Sánchez (2), Marcos Regueiro (1), Samuel Seijas (3), Pedro Pereira (3), Iago Ferreiro (4), Mario Crecente (4), Nico Pérez, Marco García, Nuno Loxo (2), Darío Pérez (1), Adrián Díaz (3).

Granitos Ibéricos Carballal: 31 (18+13). Juan J. Novás, Samuel Rodríguez (5), Diego Rodríguez (5), Iago García (2), Eduardo Alonso (1), Alejandro López (8), Gonzalo Arenas, Iván Soage (4), Samuel Barciela, Jorge Navarro, Rodrigo Mouco (1), Guillermo Rial (5), Gabriel Mesa, Alex Figueroa.

Parciais cada 5´: 0-5 / 3-8 / 5-10 / 6-13 / 7-16 / 9-18 / Descanso / 12-20 / 15-22 / 17-24 / 18-27 / 21-29 / 24-31 / Final. 

Colexiados: Cesar Díaz e Carlos Manuel Alonso.

Incidencias: 24ª xornada da temporada 2024/25 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado nun municipal de Tarrío con boa entrada.

Fotos do encontro:

https://photos.app.goo.gl/xmkxtoSekWdH83QZA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *