
Cisne Colegio Los Sauces vs BM Culleredo IM
O BM.Culleredo Despreocúpate.es, chegaba ao municipal de Pontevedra dependendo de se mesmo para consagrarse como campión galego ao termo a liga Ouro 2024/25. Para iso, debería de conseguir tres triunfos noutras tantas xornadas que restan para terminar a competición. En fronte, esperaba o Cisne Colegio Los Sauces, equipo que chegaba empatado a puntos cos cullerdenses e que, como estes, tamén aspiran ao cetro autonómico. Nunha categoría en que ambos os equipos únense ao BM.Lalín e ao Luceros de Cangas nun apertado final de tempada, cos catro en dous puntos de diferenza, cada vitoria conta e era por iso que os dous puntos en xogo antollábanse vitais para os conxuntos en liza.
A pesar de comezar da mellor maneira posible, cun 0-3 de parcial, o BM.Culleredo Despreocúpate.es pronto deixaría entrever algunhas lagoas importantes nas fases do xogo, especialmente na retagarda e o ataque posicional. O arranque sería un espellismo e os locais, voltearían o marcador cun 5-0 de parcial (5-3) en apenas uns minutos. A partir dese instante, o encontro tería só un dono e as diferenzas continuarían aumentando para os intereses dos pontevedreses. O BM.Culleredo Despreocúpate.es, adoecería, de forma recorrente, dunha desorde táctica que se antolla o principal problema desta derrota. O abandono do plan de partido, sumiría ao equipo nunha anarquía e unha desorde que os deixaría sen posibilidade de competir contra un rival moito máis centrado no seu modelo de xogo. As lagoas defensivas comezaban a facerse máis evidentes, tanto ante a primeira liña cineista como na relación co seu pivote e en ataque, a falta de ritmo e de xogo colectivo, facilitaba moito o labor defensivo dos locais, que aproveitaban os múltiples erros de lanzamento para apontoar a súa vantaxe con goles fáciles ao contraataque. Cun contundente 20-10 ao descanso, o encontro facíase moi costa arriba para os cullerdenses.
No segundo acto e dada a diferenza, o equipo tentaría un cambio defensivo máis profundo, máis agresivo, coa idea de recuperar balóns que se convertesen en goles en transición. O Cisne Colegio Los Sauces, adaptaríase ao cambio e tardarían apenas un par de ataques en atopar os espazos ás costas do avanzado. Aínda que o parcial dos segundos trinta minutos sería de 19-21 favorable ao equipo de Culleredo, a distancia no marcador e no xogo era tanta, que estes non chegarían para poñer en aprietos ao seu rival, cómodos coa vantaxe e cun bo dominio do marcador, do tempo e do ritmo de xogo.
Ao BM.Culleredo Despreocúpate.es, quedanlle dous partidos importantes para esgotar as poucas posibilidades de conseguir o campionato e, se non fose así, para selar o mellor posto para a próxima Final Four, cunha xugosa praza en xogo para o campionato de España.
Cisne Colegio Los Sauces: 39 (20+19). Hugo Carreira, Manuel García, Nicolás Otero, Adrián González, Gael Fdez, Manuel Eirín, Nicolás Montoya, Luis Montoya, Marco Quintáns, Iago Adelaide, Carlos Redondo, Sergio Carballo, Xoel Lago, Bruno Gómez, Ignacio Maceiras.
BM.Culleredo Despreocúpate.es: 31 (10+21). Hugo García (P), Jorge Amor (P), Jairo Candamio, Lucas Faraldo, Isaac Lorenzo, Hugo Bermúdez, Alejandro Soto, Xoán Canedo, Adrián Aneiros, Hugo Bregua, Diego Rodríguez, Teo Gómez, Iván Gantes, Martín Casal.
Parciais Cada5´: 2-3 / 7-5 / 8-7 / 11-8 / 16-10 / 20-10 / Descanso / 23-14 / 28-16 / 30-19 / 34-23 / 37-27 / 31-39 / Final.
Colexiado: Marcos Fernández.
Incidencias: Encontro correspondente á 16ª xornada na Liga Ouro cadete masculina. Partido disputado no Pavillón Dos Deportes de Pontevedra con excelente presencia de afeccionados de ambos os conxuntos e maravilloso ambiente de balonmán.
