
O BM.Culleredo Despreocúpate.es, superou unha complicada fin de semana na que tiña unha dobre confrontación e sumou catro puntos vitais para poder soñar co título galego e afrontar as tres xornadas que quedan coas máximas aspiracións. Os cullerdenses, que se verán inmersos agora nun último tramo de liga que promete ser vibrante, superaron ao BM.Reconquista De Vigo o Sábado e conseguiron vencer ao Serviauto Bueu Atl.BM na matinal do Domingo de entroido. Desta forma e ao termo da xornada número 15, os catro primeiros clasificados móvense en dous puntos de diferenza e loitarán por conseguir o ansiado título autonómico que ademáis dá acceso ao campionato de España.
O conxunto de Culleredo, completou os dous partidos con certos altibaixos e aumentando as súas prestacións a medida que o tempo avanzaba. Tanto en Vigo, como no municipal de Tarrío fronte aos de Bueu, os encontros presentaron certas similitudes, comezando ambos cunha retagarda indolente e baixa de intensidade que a medida que pasaban os minutos iríase entoando. Deste xeito, o equipo remataba o primeiro acto, tanto en Vigo coma en Culleredo, cunhas cómodas diferenzas de cinco e seis goles respectivamente.
Nas segundas partes, de novo a relaxación volvería facer acto de presenza e ambos os partidos entrarían nun toma e daca que conxelaría as diferencias a favor do conxunto cullerdense. Nas partes finais, coas rotacións e a fatiga dos rivais, o BM.Culleredo Despreocúpate.es, voltaría a dar un arreón que xa sería definitivo para asinar dúas vitorias con resultados e diferenzas contundentes por encima dos dez goles (33-45 e 40-27 respectivamente).
BM.Reconquista de Vigo - BM.Culleredo Despreocúpate.es: 33-45 (15-20 al descanso).
BM.Culleredo Despreocúpate.es - Bueu ATL.BM: 40-27 (20 -14 al descanso).
Viaxaron a Vigo e xogaron fronte ao BM.Reconquista: Jorge Amor e Hugo García como porteiros, Hugo Bregua, Hugo Bermúdez, Xoán Canedo, Jairo Candamio, Adrián Aneiros, Iván Gantes, Isaac Lorenzo, Alexis Martínez, Alejandro Soto, Lucas Faraldo, Teo Gómez, Martín Casal e Diego Rodríguez como xogadores. Ante o Serviauto Bueu Atl BM, repetiron os porteiros e como xogadores de campo, Hugo Bregua, Hugo Bermúdez, Xoán Canedo, Jairo Candamio, Lucas Faraldo, Isaac Lorenzo, Teo Gómez, Adrián Aneiros e Diego Rodríguez, mentres que o resto irían convocados co BM.Culleredo Salume Cociñas ante a coincidencia do seu partido.
O encontro de Vigo foi dirixido polo colexiado Jonathan Rodríguez e disputouse no pavillón do Berbés, mentres que no municipal de Tarrío, os encargados de impartir xustiza foron André Pena e Jorge Sánchez. En ambos polideportivos, a entrada rondaría o centenar de siareiros, con presenza de afeccionados de ambos os conxuntos.
