
Balonmano Ingenio VS Balonman Culleredo
O pasado sábado, o BM.Culleredo presentábase no 40x20 do municipal Pedro Padilla de Ingenio (Gran Canaria) coa ambición de conseguir algo positivo e sumar algún punto ante o sexto clasificado, pero a posta en escena dos cullerdenses foi das máis deficientes da tempada e os primeiros vinte minutos condicionaron en boa forma o devir do encontro. Con numerosos erros de vulto; precipitacións, perdas de balón, faios de lanzamento ante porteiro…o BM.Culleredo viuse rapidamente por baixo no marcador ante un rival que aproveitaba os "agasallos" para adquirir, primeiro diferenzas cómodas e posteriormente importantes, que complicaban aínda máis o obxectivo dos visitantes. Cun 16-6 no minuto vinte e un plan B xa activado co cambio defensivo a 5:1 e o xogo sen porteiro no posicional, o BM.Culleredo buscaba o revulsivo que lle dese opcións de achegarse ao seu rival e conseguiríao cun 1-5 que axitaba o envite (17-11). A distancia continuaba sendo cómoda para o conxunto canario co 20-14 que reflectía o electrónico ao descanso, pero as sensacións cambiaran radicalmente para os de Culleredo cara a continuación.
No segundo tempo, a regularidade do BM.Culleredo sería moito maior e o partido transcorrería por uns parciais de máxima igualdade, moi lonxe daqueles 17 erros acumulados no primeiro acto e que ao cabo serían unha laxa difícil de levantar. O BM.Ingenio, equipo experimentado e con calidade, non deixaría que o seu rival se achegase en demasía, movéndose sempre as diferenzas nuns algarismos entre os cinco e sete goles, que nunca poñerían en perigo os intereses locais. Un parcial de 15-14 nestes segundos trinta minutos, ofrecería un rendemento moito máis acorde co concepto competitivo que debe de mostrar o BM.Culleredo e deixaría unha lección importante para os próximos encontros, nos que os cullerdenses poden e deben sumar de dous en dous para afastarse definitivamente dos postos de descenso.
BM.Ingenio: 35 (20+15). Alejandro Peña, Edgar Jesús Socorro (1), Daniel Jesús Martín (3), Rafael Sánchez (4), Armando Santana (6), Carlos J. Sánchez (2), Pablo Hernández (2), Gabriel Sánchez (1), Javier Sánchez, Luis Gabriel Hernández, Aitor Sánchez (1), Rodrigo Ortega (2), Antonio Castellano, Jordán Xerach (2), Michael Martín (6), Daniel Muñoz (5).
BM.Culleredo: 28 (14+14). Jorge López (P), Xoán Varela (P), Mario Bento (1), Mario Crecente (4), Manuel López (1), Alejandro Gómez (3), Daniel González (4), Pedro Pereira (4), Iago Ferreiro (5), Nuno Loxo (1), Darío Pérez (2), Adrián Díaz (3).
Parciais cada 5´: 3-0 / 7-3 / 10-5 / 16-6 / 17-11 / 20-14 / Descanso / 20-14 / 23-16 / 27-21 / 30-24 / 32-26 / 35-28 / Final.
Colexiados: Alfonso Moreno e Miguel Ángel Indiano.
Incidencias: 20ª xornada da temporada 2024/25 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no municipal Pedro Padilla de Ingenio (Gran Canaria) con boa afluencia público, algúns deles, familiares e amigos dos xogadores cullerdenses desprazados dende Galicia.
Fotos do encontro:
