
250208 CM BM CHAPELA - BM CULLEREDO
O Bm.Culleredo Despreocúpate.es, acudía a Chapela o pasado sábado para enfrentrarse ao conxunto locatario, na que sería unha final para os cullerdenses no seu afán por non perder corda nos postos altos e, por tanto, poder seguir nesa loita encarnizada de catro equipos por conseguir o campionato galego. O conxunto de Culleredo, como xa sucedera en Cangas, chegaba minguado á cita con varias baixas nos principais eixos de ataque e defensa, unha cuestión que xa de seu restaba posibilidades no plan de partido ante un conxunto con gran potencial no 1x1. Desde os primeiros minutos, tal e como tamén sucedese na primeira volta ante o conxunto do Morrazo, o BM.Cullerdo Despreocúpate.es mostraríase desfigurado e estaría a mercé do seu rival, faltos de intensidade, de actitude e de carácter competitivo. Tal grao de indolencia, poñería en bandexa a vitoria ao BM.Chapela, que desde os primeiros instantes castigaban unha e outra vez unha retagarda inoperante que en ningún momento foi capaz de frear o posicional dos locais. A pesar da boa actuación dos porteiros, os 26 goles encaixados nunha primeira parte nefasta e os 48 ao finalizar o encontro, serían unha laxa imposible de levantar e terminaría por sentenciar ao conxunto de Culleredo. Non existía ritmo de pernas en defensa, acometíanse as situacións de 1x1 sen profundidade, excesivamente planos, sen disuasión previa e, o que terminaba facilitar o ataque do Chapela, era a falta de axudas, a ausencia de solidariedade entre postos lindeiros que facía que cada xogador estivese a mercé do seu opoñente. As precipitacións e a indisciplina táctica penalizaban ao equipo noutra importante fase do xogo, o posicional. Nesta fase, o conxunto cullerdense non se atiña nin ao modelo de xogo nin ao plan de partido, afogándose continuamente en situacións individuais, sen xogo colectivo e con excesivo embotellamento en centro, algo que era esencial evitar. Os erros nesta fase regalaban goles fáciles tras perda, xa que posibilitaban que os xogadores redondelanos lanzasen rápidos contragolpes que finalizaban en 1x0 sen concesión algunha. A pesar de tentalo con dobre mixta no segundo acto, a diferenza despois dos primeiros trinta minutos era excesiva (26-16) e o conxunto de Culleredo só chegaría a reducir a distancia uns cinco goles que, nos instantes finais, faríase insuficiente. A pesar dese gran traballo na mixta, especialmente de Martín Casal e a achega de Jorge, os algarismos estaban tan distantes que o esforzo non conseguiría o obxectivo final e o BM.Culleredo Despreocúpate.es, deixaría no camiño boa parte das opcións para ser campión galego e perdendo ademáis o golaverage particular co Balonmán Chapela.
Balonmán Chapela: 48 (26+22). Rafael Solla, Mateo Lago, Juan Lago, Lois Alonso, Iago Cerqueira, Javier García, Nicolás Alonso, Antón Alonso, Sergio Vila, Oscar González, Hugo Fdez, Mario Fdez, Anxo Souto, Mario Carvalho, David Extremadura.
BM.Culleredo Despreocúpate.es: 41 (22+19). Hugo García (P), Jorge Amor (P), Iago Bolaños (P), Jairo Candamio, Martín Casal, Lucas Faraldo, Isaac Lorenzo, Hugo Bermúdez, Xoán Canedo, Iván Gantes, Adrián Aneiros, Hugo Bregua, Alejandro Soto, Diego Rodríguez.
Colexiados: Jonathan Rodríguez e Luis Fdez Couñago.
Incidencias: Encontro correspondente á 14ª xornada na Liga Ouro cadete masculina. Partido disputado no polideportivo Manuel González Soto con unha boa presencia de afeccionados de ambos os conxuntos.
