Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO, CEDE NO DERBI ANTE A SUPERIORIDADE DO ATTICA 21 HOTELS OAR CORUÑA

Chegaba ao pavillón S.Francisco Javier da Coruña o BM.Culleredo, para afrontar o reto máis esixente da tempada, competir ante o líder do grupo A de 1ª nacional no seu feudo. Os cullerdenses eran sabedores das dificultades, pero, ao mesmo tempo, desexaban afrontar o envite con ambición, examinándose con ilusión ante os mellores e competirlles, tal e como xa fixesen durante moitos minutos na primeira xornada de liga en Tarrío. A posta en escena de ambos os conxuntos pronto deixaría entrever, de forma moi evidente, que os locais non estaban dispostos a deixarse sorprender e desde o primeiro instante, pertrechados sobre un muro defensivo en sistemática 6:0, multiplicarían os problemas no posicional dos de Culleredo. Custaba moito sacrificio atopar un espazo hábil cara a gol e, cando se conseguía, despois de moito elaborar o xogo posicional, facíase inmensa a figura de Israel Marín debaixo dos paus da portería oarista. Así, despois de dous primeiros minutos nos que o BM.Culleredo tomaba a iniciativa no marcador con 0-1 e 1-2, a retagarda local elevaba ao máximo as súas prestacións en colaboración co cérbero para lograr un parcial de 8-0 que marcaba xa unha diferenza importante ao paso polo minuto trece (9-2). Un minuto antes, no doce e ante a impotencia de non poder superar a barreira apostada polo OAR diante do seu porteiro, o BM.Culleredo optaría por atacar cun máis (sen porteiro) conseguindo deixar atrás os dez minutos de seca goleadora subindo o terceiro gol á súa conta. En calquera caso, as dificultades coas que se estaban atopando os cullerdenses eran máximas e nin sequera con sete eran capaces de atopar a fluidez desexada no seu xogo de ataque. O conxunto de Culleredo, aínda que non lograba reducir as diferenzas, sí conseguira frear a sangría, aguantando os seguintes dez minutos cunha diferenza que se movía entre os sete e oito goles. Sería xa, na recta final do primeiro tempo, cando os locais volverían establecer un parcial gañador para irse ao tempo de descanso coa máxima renda adquirida ata o momento (22-11).
O BM.Culleredo non se rendería, a pesar dos moitos problemas que estaba a atopar en todas as fases do xogo. Tentábao atacando sen porteiro, cambiando a súa defensa a 5:1, propoñendo unha mixta, aumentando a profundidade, pero a superioridade do equipo coruñés era tal que sempre atopaban unha solución a calquera plan que levasen a cabo os seus rivais. Con todo, no segundo período, os de Culleredo non baixarían nunca os brazos e continuarían tentando mellorar as súas prestacións, logrando un mellor parcial nos segundos trinta minutos (17-12).
O BM.Culleredo fixa agora a súa atención no vindeiro sábado, cando afrontará unha auténtica final ante o último clasificado, o Juventud Las Palmas.

Attica 21 OAR Coruña: 36 (17+19). Israel Marín (P) (2), Iago Gómez (P), Alejandro Conde, Diogo Gonçalo (3), Pablo Jesús Moral (1), Pablo Martínez (1), José Mora (3), Marley Wallace (3), Beltrán Fco, Juan Pereira, Joel Rábade (4), Kevin Dacosta, Juan Carlos Rodríguez (2), Diego Martínez (7), Diogo André Teixeira (5), Luis María De Goya (8).

BM.Culleredo: 26 (13+13). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Adrián Veira, Nicolás Casal, Nico Pérez, Marcos Regueiro (2), Alejandro Gómez (2), Dani González (3), Pedro Pereira (2), Iago Ferreiro (4), Iván Sánchez (3), Marco García, Nuno Loxo (2), Mario Bento, Alejo Martínez (4), Adrián Díaz (1).

Parciais cada 5´: 3-2 / 6-2 / 11-3 / 14-7 / 17-9 / 22-11 / Descanso / 25-14 / 28-17 / 30-18 / 34-19 / 35-22 / 39-23 / Final. 

Colexiados: Pablo Castellanos e Santiago Piñera.

Incidencias: Encontro correspondente a 16ª xornada na liga de 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no pavillón S.Francisco Javier con afluencia de siareiros de ambos os conxuntos que completaron unha moi boa entrada para este segundo derbi da tempada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *