Saltar ao contido

NOVA VITORIA E DOBRE CARA DO BM.CULLEREDO DESPREOCÚPATE.ES NUN MESMO PARTIDO

(CM) Bm Culleredo Despreocúpate.es - S.D. Teucro AyF Correduría

O BM.Culleredo Despreocúpate.es, conseguíu unha nova vitoria e mantense na pelexa nos postos altos da táboa clasificatoria no que que está a ser unha loita encarnizada entre catro equipos polo campionato galego da categoría. Ante o conxunto do Teucro este pasado Sábado, os cullerdenses, capaces do mellor e do peor, asinaron a mellor primeira parte do campionato, apostados nun armazón defensivo serio, intenso, solidario…tanto na sistemática 6:0 como na 5:1. As recuperacións na retagarda daban saída a rápidas transicións que facían subir goles sinxelos á marcadora dos locais e, por tanto, aumentar os algarismos e a distancia con respecto ao seu rival. No paso polo minuto 23, o marcador, que reflectía un claro 20-9, evidenciaba unha superioridade notable en todas as fases do xogo do BM.Culleredo Despreocúpate.es, que se retiraba aos vestiarios no tempo de descanso co partido virtualmente decidido (23-12). Na continuación, por contra, os cullerdenses mostrarían o seu peor cara e con todo resolvido, baixarían os brazos e con iso a intensidade e a concentración, completando, de forma antagonista, uns trinta minutos do peor do campionato. O parcial final neste segundo acto (19-21), fala por se só, onde os visitantes, loitadores, competitivos e sen presentar rendición, foron capaces de conseguir un parcial gañador que lles outorga un gran mérito, xusto o contrario a un conxunto cullerdense que a pesar da vitoria se marcha con moi malas sensacións.

BM.Culleredo Despreocúpate.es: 42 (23+19). Hugo García (P), Jorge Amor (P), Iago Bolaños (P), Jairo Candamio, Lucas Faraldo, Hugo Bermúdez, Xoán Canedo, Alexis Martínez, Adrián Aneiros, Iván Gantes, Alejandro Soto, Teo Gómez, Hugo Bregua, Isaac Lorenzo, Diego Rodríguez.

SD Teucro AYF Correduría: 33 (12+21). Pedro Cancela, Pedro Calvo, Andrés García, Diego Ríos, José Antonio Díz, Anxo Santomé, Rodrigo Iván Louro, Mauro Jiménez, Artai Torres, Gabriel Baeza, Martín Veiga, Yeray Iglesias.

Colexiados: Pablo Torreiro e Jorge Sánchez.

Incidencias: Encontro correspondente á 11ª xornada na Liga Ouro cadete masculina. Partido disputado no pavillón de Almeiras con boa presencia de afeccionados de ambos os conxuntos, que tiveron un comportamento exquisito. Antes do inicio do encontro, levouse a cabo o protocolo en concienciación en contra da violencia no deporte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *