
1ª NACIONAL - J15 - AUTOMANÍA LUCEROS VS BM. CULLEREDO
O BM.Culleredo, iniciaba o pasado domingo a Liga de 1ª nacional neste 2025, retomando a competición nunha pista tremendamente complicada como é a de O Gatañal. A enorme calidade do xoven conxunto local, era un escollo dos máis esixentes, máxime cando os do Morrazo poderían contar con todos os xogadores que asumen normalmente minutos na liga Asobal. De todos xeitos, o BM.Culleredo, chegaba preparado para aguantar semellante pulso e, esporeado polos ecos da última vitoria, xusto antes do parón do Nadal, tentar asaltar o fortín do municipal de Cangas. Os cullerdenses saíron á pista con desenvoltura e sen ningún complexo, funcionando como un equipo compacto en defensa e xogando de forma disciplinada no posicional. O equipo elixía, de xeito intelixente, cando correr e cando non e mostrábase seguro e regular en todas as fases do xogo, sostendo tamén, de forma eficaz, os intentos de transición por parte do seu rival. Os primeiros trinta minutos foron claramente de dominio cullerdense e os locais mantíñanse por diante cunha mínima diferenza grazas ao excelente labor do seu porteiro Javier Fdez (13-12).
No inicio do segundo acto, o equipo de Culleredo sumaría de forma consecutiva algunha perda de balón e algún fallo no lanzamento e isto, unido a varios desaxustes defensivos na zona do pivote, facilitaría que os locais ampliasen perigosamente a diferenza ata os catro goles (17-13) cando aínda non se chegara ao minuto catro. O técnico do BM.Culleredo solicitaría entón o seu segundo tempo morto e o equipo reaccionaría freando a sangría. O partido movíase nestes instantes cunhas diferenzas de entre tres e catro goles, con moitas idas e vindas e sen un dono evidente. Desta forma entrábase no meridiano do segundo acto, xusto cando os cullerdenses incorrían nalgunha perda absurda, precipitándose e arriscando en exceso nun momento crucial. Os erros non forzados axudaban aos locais para correr e a diferenza abríase ata uns perigosos sete goles cando se afrontaban os últimos dez minutos. O tempo esgotábase e o conxunto de Culleredo víase obrigado a arriscar para reducir as diferenzas: na retagarda optaríase por un 5:1 e no posicional por xogar sen porteiro (7x6). Cunha de cal e outra de area, o BM.Culleredo comezaría sacando rédito á superioridade numérica, pero terminaría por regalar balóns cruciais por precipitación ou por erros claros que castigaban os do Morrazo a portería baleira para ampliar a súa diferenza nos instantes finais e poñer freo a calquera posible sorpresa en forma de remontada.
Automanía Luceros: 40 (13+27). Javier Fdez (P), Mateo Pallas (P), Eloy Pérez (1), Iago Fonseca (3), Carlos Menduiña (2), Manuel Pérez (7), Alexandre Gallego (6), Pablo Fdez, Martín Fuentes, Iago Iglesias (29, Adrián Bernárdez (7), Denis Iglesias (3), Manuel Rodríguez (2), Miguel Pousa (4), Juan Rodríguez (3).
BM.Culleredo: 29 (12+17). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Mario Crecente (6), Manuel López (4), Alejandro Gómez (5), Josemi Martínez (1), Iago Ferreiro (4), Iván Sánchez (2), Samuel Seijas (1), Marco García (1), Nuno Loxo, Nico Casal, Darío Pérez, Adrián Díaz (2), Alejo Martínez (2).
Parciais cada 5´: 2-0 / 3-2 / 5-3 / 8-7 / 10-10 / 13-12 / Descanso / 17-14 / 20-17 / 26-20 / 30-23 / 34-27 / 40-29 / Final.
Colexiados: Jordán Suárez e Daniel Valdés.
Incidencias: Último encontro da primeira volta na 1ª nacional (Grupo A) e primeiro despois do parón do Nadal . Partido disputado no pavillón O Gatañal (Cangas Do Morrazo) con un centenar de siareiros de ambos os conxuntos nas bancadas.
