Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO REMAX RIAZOR, COMEZA O NOVO ANO COA MESMA SOLVENCIA QUE FINALIZOU O ANTERIOR

LIGA OURO XUV. MASCULINA X10 | Buenas Migas Luceros - BM Culleredo Remax Riazor | Sábado 11 13:00

O BM.Culleredo Remax Riazor, desprazábase o pasado sábado a Cangas para disputar o primeiro partido deste 2025 en O Gatañal, no que sería o primeiro encontro da segunda volta dun campionato ligueiro que de momento lideran os cullerdenses con man firme. A pesar dos doce puntos que separaban a ambos os conxuntos antes de disputarse o encontro, os xogadores do BM.Culleredo eran sabedores das dificultades que podía entrañar o envite, debido á fatiga coa que chegaban do CESA xogadores importantes como Samuel Seijas e Iván Sánchez e á incerteza de como se podía atopar o equipo despois dun parón do Nadal de tres semanas. As dúbidas despexáronse inmediatamente e pronto se puido observar que o BM.Culleredo Remax Riazor, saía ao 40x20 de O Gatañal moi serio e centrado, dominando desde a súa faceta defensiva aos locais e establecendo xa unha cómoda diferenza ao paso polo meridiano (5-12). Os dez goles que o marcador reflectía ao descanso, eran un primeiro paso importante e encarrilaba o partido de forma clara para os intereses cullerdenses. O BM.Culleredo Remax Riazor, estaba a mostrarse férreo e solvente na súa retagarda, aproveitando o éxito defensivo para lanzar rápidas transicións cara á portería rival. O equipo, disciplinado e regular no posicional, evidenciaba unha eficacia que disparaba a diferenza por encima dos dez goles cando se consumían tan só cinco minutos do segundo acto (10-15). Un 0-5 de parcial na continuación, faría posible alcanzar esta distancia para deixar o partido virtualmente sentenciado. Entón, o encontro vagaría durante os restantes vinte e cinco minutos por un camiño onde o BM.Culleredo Remax Riazor limitaríase a controlar a diferenza existente para asinar unha nova vitoria que os mantén líderes e invictos na competición.

Buenas Migas Luceros: 20 (10+10). Uxío Vilariño, Dimitrije Doder, William Thompson, Asier Pereira, Gabriel Señoráns, Daniel Guerrero, Jaime Serrano, Hugo Bouso, Diego Rivas, Nicolás Graña, Xabier Cordeiro, Aitor Costas, Adrián Chapela, Christian Ferradás, Xurxo Otero.

BM.Culleredo Remax Riazor: 34 (20+14). Hugo Díaz (P), Marco González (P), Aarón Blanco, Alejo Martínez, Nicolás Casal, Atalo Bello, Bruno Pardo, Josemi Martínez, Samuel Seijas, Iván Sánchez, Jorge Outón, Roi Fdez, Adrián Veira, Hugo Rodríguez, Xoán Canedo.

Parciais cada 5´: 2-3 / 3-7 / 5-12 / 8-14 / 8-16 / 10-20 / Descanso / 10-25 / 11-27 / 13-28 / 14-30 / 16-31 / 20-34 / Final. 

Colexiados: Marta González, Daniel Cancelas.

Incidencias: Encontro correspondente á primeira xornada da segunda volta na Liga Ouro xuvenil disputado no pavillón de O Gatañal de Cangas do Morrazo. O partido, xogouse a porta cerrada, debido a decisión que tomaron os clubes pola agresión de un espectador a outro nas bancadas dun encontro de base disputado antes do parón do Nadal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *