
(SM) BM Culleredo - BM Ribeiro Rodosa Ourense Provincia Termal - YouTube
Tratábase dunha final para o BM.Culleredo, un enfrontamento ante un dos rivais que loitan por manter a categoría e que viña minguado por ata cinco baixas por sancións disciplinarias. Os cullerdenses, tamén tiñan as súas, pero actuando de locais esta era unha oportunidade que non se debía de deixar escapar para encarar o parón do Nadal fóra de postos de descenso e poder afrontar cun plús de ilusión e positivismo o que chegará no inicio de 2025. O obxectivo conseguíuse, pero non sen traballo e sufrimento, superando altibaixos e adversidades ao longo duns sesenta minutos que por momentos fixéronse eternos sen o alento dun público, que non puido estar presente, debido á medida solidaria tomada por Federación Galega e clubes en contra da violencia no deporte. Nunha primeira parte igualada, o BM.Culleredo mantivo o pulso sen mostrar o seu mellor xogo, pero entregado á causa, concentrado e unido por un obxectivo común. As táboas mantíñanse ao descanso (17-17) e os segundos trinta minutos ditarían sentenza.
Saíron mellor os visitantes no segundo acto, intensos, inexpugnables en defensa ante un conxunto cullerdense sen ideas, timorato, excesivamente estático e sen achegar perigo. Os ourensáns, comezarían a tomar vantaxe ata marcar unha diferenza cómoda para eles e perigosa para os cullerdenses (21-26 minuto 42), pero a reacción non se faría esperar e, cun cambio defensivo ao cabo crucial a 5:1, pasaríase a un 27-27 despois dun 6-1 de parcial. A partir deste instante, e co BM.Culleredo pleno de confianza, o envite entraría novamente no terreo da igualdade, a incerteza e, polo tanto, a tensión e o nerviosismo. Os instantes finais serían non apto para cardíacos e a retagarda dos de Culleredo, vital para que estes dous puntos vitais quedásense na casa, selaba unha vitoria que desataba a algarabía dos xogadores e técnicos locais.
BM.Culleredo: 32 (17+15). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Alejo Martínez (2), Manuel López (3), Alejandro Gómez (4), Marcos Regueiro (2), Daniel González (1), José Miguel Martínez (1), Iago Ferreiro (6), Iván Sánchez (4), Nico Casal (1), Marco García, Nuno Loxo (1), Adrián Díaz, Pedro Pereira (7).
BM.Ribeiro Rodosa Ourense Provincia Termal: 31 (17+14). Ángel Táboas, Manuel Villalba (4), Daniel López (8), Iker Álvarez, Nicolás Vizcaya, Celso Ramón Sotelo (5), Xacob Novoa (1), Álvaro Del Río, Miguel Cortés, Mario Fdez (5), Denis Lorenzo (7), Lois Rodríguez (1), David Fdez, Luis Dávila, Rubén González, Carlos Miguel Hermida.
Parciais cada 5´: 3-4 / 5-8 / 8-10 / 11-11 / 15-14 / 17-17 / Descanso / 18-20 / 20-24 / 23-27 / 26-27 / 29-28 / 32-31 / Final.
Colexiados: Pablo Barreiro e Christian García.
Incidencias: 14ª xornada da temporada 2024/25 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no Polideportivo de Almeiras a porta pechada pola decisión tomada entre a FGBM e os clubes como protesta e en resposta a os últimos incidentes de violencia verbal e física nas bancadas.
Fotos do encontro:
