
LIGA OURO INFANTIL MASCULINO X9 | As Casiñas Luceros - BM Culleredo Óptica Gallae.| Sábado 21 10:30h
O BMCulleredo Óptica Gallaecia, despide o ano cunha avultada derrota en Cangas ante o líder, nun encontro que os cullerdenses comezaron moi ben, sendo disciplinados en ataque e axustándose ao plan de partido e ao modelo de xogo. Non era fácil facelo ante o líder invicto da competición, pero o BM.Culleredo óptica Gallaecia soubo controlar ao seu rival en defensa e resolver con pase e vai e situacións de transformación de extremo no posicional. Foron minutos de moito mérito, de bo balonmán e mellor traballo, na que os cullerdenses dominaban mesmo o marcador, pero a situación cambiaría radicalmente cando os locais se puxeron por diante e os cullerdenses abandonaron por completo o plan de partido e a disciplina táctica para sumirse nun xogo individual e anárquico que o único que potenciaba era a suma consecutiva de perdas e erros non forzados. Estes, eran aproveitados polo equipo do Morrazo para aumentar os seus díxitos e marcar unha distancia no electrónico xa insalvable. O 24-11 ao descanso, daba virtualmente por finiquitado o envite.
No segundo acto xa non habería historia. O conxunto de Culleredo terminaba por baixar os brazos e estaba a mercé dun rival que iría aumentando os algarismos sen resistencia algunha ata conseguir esa contundente vitoria.
As Casiñas Luceros: 51 (24+27). Adrián Mallo, Mateo Rosales, Ángel Gómez, Leo Santos, Blás Graña, Hugo Otero, Xabier Gallego, Andrés Peixoto, Teo Álvarez, Ibai Rodríguez, Salvador Vidal, Tristán García, Xoel González, Isidro García.
Bm Culleredo Óptica Gallaecia: 25 (11+14). Sebastián Ponte (P), Xurxo Méndez (P), Samuel Costa, Jacobo Soto, Pablo Hermida, Antón Méndez, Javier Orge, Aitor Fariña, Carlos Negreira, Pablo Fraguela, Aarón Beade, Hugo Fariña, Mauro López, Nicolás González, Mario Prada.
Colexiado: Julio Villanueva.
Incidencias: Partido correspondente á 9ª xornada da Liga Ouro infantil masculina. Derradeira xornada antes do parón do Nadal disputada no pavillón O Gatañal de Cangas a porta pechada.
