
O BM.Culleredo Óptica Gallaecia, viuse superado na sétima xornada da liga Ouro en categoría infantil masculino polo conxunto pontevedrés do Cisne Colegio Los Sauces. A evidencia dun maior poderío físico por parte dos visitantes, foi clave no devir do encontro, xa que nas situacións de 1x1, os cullerdenses case sempre se vían desbordados pola diferenza de talla e peso do seu rival e víanse obrigados a acudir á cadea de axudas para tentar frear os ataques destes. No posicional, ocorría algo similar, xa que o muro que levantaban os da cidade do Lérez ante a súa portería, parecía inexpugnable para a primeira liña de Culleredo. Aínda así, os xogadores do BM.Culleredo Óptica Gallaecia conseguirían ter éxito en moitos momentos e fases do xogo: en defensa, apelando a unha maior profundidade defensiva, acompañada de conceptos como a disuasión, a desposesión ante bote e as axudas ante erro e, en ataque, á elaboración do xogo con transformacións e continuidade para atopar os espazos efectivos nas zonas máis afastadas do centro defensivo. O equipo sempre se mostrou sen complexos na cancha, realizando o traballo encomendado sen amedrentarse ante o factor físico antes mencionado e, especialmente meritorio foi o parcial do segundo acto, onde os cullerdenses conseguirían un 19-22 ante o equipo que actualmente pecha o podio da competición. A próxima fin de semana, a liga terá un pequeno respiro debido á ponte de Decembro e retornará os días 14 e 15 onde o BM.Culleredo Óptica Gallaecia actuará de novo como local recibindo ao conxunto de Lalín.
Bm Culleredo Óptica Gallaecia: 28 (9+19). Sebastián Ponte, Xurxo Méndez, Samuel Costa, Jacobo Soto, Pablo Hermida, Antón Antón Méndez, Javier Orge, Aitor Fariña, Carlos Negreira, Pablo Fraguela, Aarón Beade e Hugo Fariña, Mauro López, Nicolás González, Mario Prada.
Cisne Colegio Los Sauces: 37 (15+22). Pedro Antona, Jorge Porto, Nicolás Viso, Martín Montes, Bruno Gómez, Pedro Monteagudo, Izán Domínguez, Marco Quintáns, Leo Hernández, Leo Bernal, Pablo Santoalla, David Parcero, Joaquín Blanco, Manuel Gil.
Colexiados: Pablo Barreiro.
Incidencias: Partido correspondente á 7ª xornada da Liga Ouro infantil masculina.
