
Cuarta xornada da Liga Ouro infantil masculina e volvía o Bm Culleredo Óptica Gallaecia a enfrontarse ao Bm Porriño, ao que xa se enfrontara na Copa. Xornada de tarde no pasado sábado na que chegaban os nosos nun bo momento de forma, despois de completar unha boa semana de adestramento viñan preparados para levarse os 2 puntos.
Comezaba o encontro cos cullerdenses moi concentrados e sobre todo moi intensos a nivel defensivo, o bo posicionamento de cada un e as axudas defensivas facían que ao Porriño lle custase atopalo camiño ao gol, obrigándoos a lanzamentos forzados e en zonas pouco efectivas. O bo facer defensivo viña acompañado de unha gran velocidade para subilas transisicións, o que nos poñía cun marcador 5-1 favorable nos primeiros 5 min do encontro.
En ataque o xogo sen balón dos nosos laterais ante a defensa 3:3 rival conseguía xerar desequilibrios, que aproveitábamos levando a continuidade á zona axeitada para poder finalizar claramente. O equipo estaba a funcionar e as rotacións sucedíanse, mantendo sempre unha alta intensidade e concentración, o que lle permitía ao Óptica Gallaecia chegar ao descanso gañando 25-13.
Na segunda parte prantexarían os visitantes unha defensa máis pechada coa que non estábamos tan cómodos, pasándoo mal nun inicio para atacala, pero que pouco a pouco atoparíamos o camiño nos espazos exteriores.
A defensa cullerdense seguía a funcionar, conseguindo numerosos roubos e podendo correr, pechando definitivamente o encontro co 40-24 final.
Bm Culleredo Óptica Gallaecia: 40 (25+15) Sebastián, Javier, Hugo, Aitor, Mauro, Xurxo, Carlos, Pablo, Aarón, Nicolás, Antón, Jacobo, Samuel, Mario.
Balonmano Porriño “A”: 24 (13+11) Izan, Oier, Mateo, Roi, Gael, Samuel, Óscar, Mateo, Mario, Adrián, Mateo, Gorka, Levi, Hugo.
Árbitros: Noelia Mata e Daniel González.
Incidencias: Partido correspondente á 4ª xornada da Liga Ouro infantil masculina.
