
Desatascos Jumbo Gáldar - Balonman Culleredo · Balonmano Primera nacional 2024 -2025 (youtube.com)
O pasado sábado, o BM.Culleredo viaxaba ás illas afortunadas para enfrontarse ao líder da categoría e, seguramente uns dos equipos máis en forma deste grupo A da primeira nacional. O labor de sacar algo positivo, parecía que pasaba por facer un encontro perfecto e levar o plan de partido ao momento excelso de ser absolutamente metódico en canto á disciplina táctica. Se temos en conta o ritmo alto que gusta ao Galdar imprimir nas súas accións de transición ou contragol, era evidente que outro punto no que había que ser absolutamente estrito, era o de non perder balóns e minimizar por tanto os erros non forzados. Nada disto saíu ben e con nove balóns perdidos nos primeiros trece minutos, o contexto do encontro cambiaba totalmente cara aos intereses dos locais. Aínda non se chegara ao minuto vinte e o técnico visitante xa esgotara os seus dous tempos mortos, nun intento de recorrer a un plan B que puidese reconducir a deríva que levaba o envite. Ante un conxunto como o galdense, coñecedor e dominador do seu modelo de xogo, cun estado de forma fantástico e un poderío físico notable, o 13-4 que reflectía o electrónico no seu paso polo meridiano do primeiro acto, antollábase tarefa case imposible de reverter, aínda que a responsabilidade do equipo era asumir riscos para acometer a proeza. A sangría pechábase, pero non se conseguía reducila, polo menos de momento , o 21-12 ao descanso, así o reflectía.
Sairía mellor o BM.Culleredo no segundo acto, pero as primeira accións positivas (ata seis) con posibilidade de achegarse no marcador, eran desbaratadas polo porteiro local e eses erros, terminarían por sumar a favor do conxunto canario na portería contraria. O que podería ser achegarse a seis ou cinco goles, convertíase xa nunha diferenza por encima dos dez. Cunha defensa tentando ser máis agresiva en profundidade e un ataque sen porteiro (7x6), tentaba o BM.Culleredo o seu último recurso e recorría a un plan C asumindo maior risco. Se en en o ataque o xogo cun máis daba bo resultado, no cambio con porteiro e na defensa posicional, o equipo de Culleredo non conseguía sacar rendemento e, por tanto, non sería capaz de reducir a distancia, sucumbindo ante un conxunto local que se mostrou moi serio, disciplinado e superior. O BM.Culleredo debe de repoñerse para sacar os dous puntos en xogo a semana que vén como local e ante outro conxunto Gran Canario, o BM.Ingenio.
Desatascos Jumbo Galdar: 42 (21+21). Heriberto Díaz (2), Simón Ignacio Aguilera (3), Jesús Alejandro Mendoza (2), Emiliano Manuel Villaverde (6), Saul Rodríguez, Benjamín Rodrigo (9), Cayetano Elías González (5), Carlos Mederos (1), Yanis Ramírez (5), Gonzalo Matías Asensio (3), Guillermo Arencibia (1), Yyarón Ramírez (1), Saulo López (1), Derek Pulido (1), Álvaro Luis Díaz (2).
BM.Culleredo: 28 (12+16). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Lucas Sánchez, Manuel López (1), Nico Pérez, Dani González (4), Alejandro Gómez (6), Pedro Pereira (1), Iago Ferreiro (8), Nuno Loxo (5), Darío Pérez (3), Adrián Díaz.
Parciais cada 5´: 3-2 / 8-4 / 13-4 / 16-8 / 19-9 / 21-12 / Descanso / 24-14 / 27-14 / 30-17 / 35-21 / 39-26 / 42-28 / Final.
Colexiados: David Deniz e Diego Pastoriza.
Incidencias: Encontro da 4ª xornada da temporada 2024/25 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no pavillón Juan Vega Mateos de Galdar (Gran Canaria) con gran afluencia de público.
Fotos do encontro:
