Saltar ao contido

Vitoria importantísima do Óptica Gallaecia en Redondela

Chegaba a 2ª xornada deste grupo B da Fase de Clasificación para os nosos rapaces do Bm Culleredo Óptica Gallaecia e tocaba afrontar un difícil desprazamento a Redondela. O partido prevíase de moita dificultade, ante un moi bo equipo e situación que se vía acentuada polas baixas de última hora para os nosos.

Con todo saían os nosos á Bombonera dispostos a loitar cada segundo de partido por levarse os 2 puntos, saltando ao campo cunha intensidade e actitude que nos valía para comezalo encontro cun parcial de 2-4 ao noso favor nos primeiros 5 min. Sen embargo a nosa defensa comezaría a acumular erros nas situacións de 1x1, que xunto á ausencia de axudas lles permitía aos rivais chegar con comodidade á nosa portería e permitíndolles darlle a volta ao marcador. Axustaban os nosos a defensa, mellor posicionados e máis solidarios nas axudas, pero o ritmo do partido seguía a subir e comezamos a perder numerosos balóns froito da pouca movilidade dos nosos, regalándolle situacións de contraataque sinxelas aos locais, o que sumado aos nervios do momento chegou a poñer aos rivais ata 6 goles por encima no marcador.

Coa cabeza algo máis fría comezaban os nosos a xogar máis sen balón e a dar continuidades que nos permitían chegar case sempre a unha situación de 2x1 na zona esquerda, unha mágoa os erros de lanzamento que nos impedían acercarnos máis no marcador ao descanso. O resultado era de 19-15 nese momento.

Comezaba a segunda parte cun Bm Culleredo Óptica Gallaecia que saía ao campo coas ideas moito máis claras, sabedores da importancia que cobraría a faceta defensiva, víamos a uns guerreiros cullerdenses cunha defensa moito máis agresiva, xerando moitas dudas e recuperando moitos balóns. A defensa 3:3 cullerdense non só era máis agresiva, se non tamén máis contuntende, freando de forma rápida as situacións de perigo e facendo gala dun enorme traballo de desprazamentos defensivos.

Co paso dos minutos irían os nosos recortando distancias no marcador, chegando a poñerse por encima no marcador no minuto 45, algo que non acontecía dende os primeiros 7 minutos de encontro. Con un Bm Culleredo Óptica Gallaecia crecido e compacto, estaba a SAR a sufrir moito, xa que os erros que puidesen aparecer na defensa víanse solventados polas grandes intervencións de Xurxo na portería, que chegaría a detela derradeira opción do SAR de empatalo encontro a falta de tan só 15 segundos. Véndose os nosos cun gol de vantaxe e unha derradeira posesión, foron quen de aguantar esos derradeiros intres e sumar 2 puntos nunha pista na que de seguro será moi difícil sacar puntos nesta tempada.

Gran esforzo dos nosos guerreiros que amosaron que o traballo e as ganas de loitar son imprescindibles para loitar polos obxetivos. Próxima batalla: OAR!

VIDEO DO ENCONTRO:

SAR Nosatun: 28 (19+9) Xián, Iago, David, Teo, Bruno, Andrés, Mateo, Manuel, Pascual, Iván, Mario.

Bm Culleredo Óptica Gallaecia: 29 (15+14) Xurxo, Jacobo, Antón, Samuel, Hugo, Aitor, Carlos, Nicolás, Mario, Pablo, Aarón.

Parciais cada 5 min: 2-4 / 8-7 / 12-11 / 17-13 / 19-15 / DESCANSO / 19-18 / 21-19 / 23-23 / 26-27 / 28-29 / FINAL.

Árbitros: Iago Rivas e Daniel Cancelas.

Incidencias: Partido correspondente á 2ª xornada do grupo B da Fase de Clasificación infantil masculina, desputado na Bombonera ante unha gran cantidade de afeccionados/as.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *