Saltar ao contido

PRETEMPADA SENIOR MASCULINO

O equipo senior do Club BM.Culleredo que participará, por segundo ano consecutivo na 1ª nacional, pode sacar xa as primeiras conclusións dunha pretemporada que comezou o 5 de Agosto e na que leva disputados catro partidos, tres amigables e un de competición oficial na Copa Galicia. Unha vez máis, o conxunto cullerdense, fiel á súa aposta innegociable pola canteira, iniciará o curso balonmanístico cunha media de idade insultantemente baixa, contando ademáis con ata sete xogadores en idade xuvenil. A notable intensidade mostrada nos primeiros partidos e os conceptos tácticos e as intencións na retagarda, que deron unha imaxe defensiva positiva do equipo, son as notas máis ilusionantes que se puideron observar e destacar nestes partidos de preparación. O primeiro enfrontamento producíuse lonxe da nosa terra, concretamente en Puebla de Sanabria e contra un rival de enxunlla, o BM.Zamora. O conxunto Castelán leonés, é un equipo semiprofesional recentemente descendido da DH Prata, por tanto, un envite que se prevía dispar en canto a forzas e recursos TEC-TAC. A pesar de caer 40-29 e de ser un partido típico de pretemporada con múltiples erros e imprecisións, o encontro tivo fases positivas e, especialmente, servíu como primeiro contacto dos xogadores no 40x20 e como carga de traballo complementaria aos adestramentos semanais. Os outros tres encontros, disputaríanse co BM.Culleredo exercendo de local e, o primeiro deles no marco da Copa Galicia ante o Calvo Xiria de Carballo. Este foi un duelo vibrante, disputado a máxima intensidade e cun pavillón de Tarrío ata os topes. O encontro necesitaría dunha prorroga despois das táboas a 22 nos sesenta minutos regulamentarios. A vitoria, acabaría levándoa o conxunto bergantiñán pola mínima (25-26) ainda que con moi boas sensacións dos locais. Esta tónica foi a mesma que presentou o BM.Culleredo nos dous partidos seguintes: intensidade sobresainte e conceptos e ideas defensivas pro-activas que levaron ao equipo a evidenciar unha gran mellora na retagarda. Así, os dous seguintes encontros terminarían con dous resultados favorables. O primeiro sería ante o recentemente ascendido a 1ª autonómica BM.Línea 21 (40-26) e, o segundo, ante un clásico da 1ª nacional como é o Bueu ATL. BM (34-31). En definitiva, un equipo que aínda terá moito que mellorar de fronte á estrea ligueira o 22 de Setembro, pero que está a evidenciar unha melloría importante e transmitindo sensacións positivas aos seguidores cullerdenses.

FOTOS DOS ENCONTROS:

https://photos.app.goo.gl/7rWgAsqSCRT4RY2K7

https://photos.app.goo.gl/2V8jfzzqev7r7oJo8

https://photos.app.goo.gl/jvSLE46aTnWw7umw6

https://photos.app.goo.gl/sjVmcaUJ3mQfr2P2A

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *