Tarrío despedía a tempada dos dous equipos cadetes do BM.Culleredo e, se ás 10:00h abría a xornada do Sábado o BM.Culleredo Galaico Caravaning, ás 12:00h era a quenda de BM.Culleredo Remax Riazor, nun derbi que o ía a enfrontar por primeira vez na tempada co BM.Abegondo Atlántico Opemat, dirixido por un fillo pródigo e querido en Culleredo como é Iván Pan. O partido comezou con moi pouca tensión e mostrouse insulso e aburrido nos primeiros trinta minutos. Facíase evidente que a competición de Copa non marca un obxectivo sabroso como o fai a liga e isto, unido ás alturas de tempada na que nos atopamos, sumaba en contra de que ambos os conxuntos mostrasen a súa mellor cara. As imprecisións sumaban para os un e os outros, erros por falta de intensidade, de concentración, de contundencia….e así, o encontro vagaba sen dominador claro e cunha mínima diferenza que establecían os cullerdenses ao seu favor no tempo de descanso (15-14).
Foi entón, na continuación, cando o cambio de actitude na orde defensiva posibilitou o despegamento definitivo do conxunto de Culleredo, moi superior neste segundo acto. O maior ritmo defensivo, o aumento de intensidade e as intencións pro-activas tanto colectivas como individuais, comezaban a dar claro rendemento na retagarda e a transición facíase letal a partir da recuperación ou os erros forzados ao rival. Un parcial de 9-5 cando se chegaba ao meridiano do segundo tempo e as sensacións que agora se palpaban nun e outro conxunto, parecían razóns suficientes como para comezar a crer na posible vitoria dos locais. O BM.Culleredo Remax Riazor, cotinuaba a súa traxectoria ascendente para completar uns segundos trinta minutos máis que meritorios e terminar na cúspide a súa evidente mellora. Desta forma e con esta vitoria ,o BM.Culleredo Remax Riazor remata a competición de Copa como campión do seu grupo e completa unha notable tempada.
BM.Culleredo Remax Riazor: 37 (15+22). Hugo Díaz (P), Hugo García (P), Teo López, Xoán Canedo, Fabián Manzo ,Xoán Bello, Jorge Outón, Roi Fdez, Iago Allegue, Hugo Rodríguez, Diego Piñeiro.
BM.Abegondo - Atlántico Opemat: 25 (14+11). Enmanuel García, Pablo Pardo, Iago Eiras, Daniel Maceiras, Mateo Martínez, Lucas Faraldo, Alejandro González, Damián Martínez, Martín Cabado, Adrián Insua, Daniel Archilla, Mateo Martínez, Roi Patiño, Teo Fuentes.
Parciais cada 5´: 1-2 / 4-4 / 7-5 / 9-8 / 12-12 / 15-14 / Descanso / 20-17 / 21-19 / 24-19 / 28-21 / 34-24 / 37-25 / Final.
Colexiados: Jorge Sánchez e Uxía Mariño.
Incidencias: Encontro correspondente á derradeira xornada no grupo 2 norte da Copa Federación disputado no municipal de Tarrío con presencia de afeccionados de ambos os equipos.