Saltar ao contido

Dobre vitoria do Óptica Gallaecia

    Tralo parón de Semana Santa, tocáballe aos rapaces do Óptica Gallaecia dobrar xornada este sábado, viaxando pola mañá a Cañiza e enfrontándose pola tarde ao Lalín en Tarrío.

    Comezaba a xornada co encontro fronte ao Cañiza, cun Bm Culleredo Óptica Gallaecia moi dormido, sen intensidade e concentración a nivel defensivo, permitindo que superasen as liñas do nosos 3:3 con facilidade e non existindo as axudas. No plano ofensivo todos estaban estáticos, xogando dende parado e co bote, desembocando todo isto nun parcial en contra de 5-0 para comezalo encontro.

    Tralo tempo morto cambiaba a cara deste Óptica Gallaecia, que comezaba a cumplir coas súas funcións a nivel defensivo, levando ao seu xogador máis perigoso a zonas menos efectivas e forzándoo a sacar pases máis compricados que conseguíamos roubar en varias ocasións.

    A nivel ofensivo comezábamos a xogar sen balón, xerando xa un desequilibrio antes de recibilo balón e a partires de ahí éramos quen de tomala decisión correcta para continuala bola e chegar a situacións claras de lanzamento.

    Chegábamos desta forma 3 goles abaixo no marcador ao descanso.

    Comezaban os derradeiros 25 min e a seriedade dos nosos permitíanos facer un parcial de 6-2 e poñernos por primeira vez por encima no marcador, pasando a presión aos locais, que se vían superados polo xogo colectivo dos nosos e desesperados pola boa actuación defensiva cullerdense.

    Cos derradeiros 10 min a unha intensidade altísima comezaba o encontro a ser un intercambio de golpes, con alternancias no marcador, pero cun Óptica Gallaecia moi concentrado e que remataba o encontro gañando de 2 goles.

    Tocaba na xornada da tarde enfrontarse ao Casa do Gato Lalín, partido no que si entrábamos concentrados e sobre todo sendo moi conscientes dos erros da mañá, correxindo desta volta dende un inicio esos desaxustes defensivos que existiran. A calidade individual dos visitantes facíase visible, sufrindo os nosos nas situación de 1x1, pero a cadea de axudas comezaba a funcionar e o traballo colectivo dos cullerdenses conseguía impoñerse co paso dos minutos, o que se transformaba no 15-12 ao descanso.

    A segunda parte comezaba moi ben para os nosos, que conseguían facer un parcial de 5-1 e distanciarse de forma amplia no marcador. Entraban os nosos agora nun momento máis frouxo a nivel ofensivo, abusando do bote e retendo o balón máis do debido, cousa que o Lalín aproveitaba para tentar acercarse no marcador, pero a renda adquirida anteriormente e a solidez defensiva dos nosos facían que o encontro rematase co definitivo 35-29.

    Moi boa xornada para os nosos, que continúan a crecer en cada semana e a amosar que estando concentrados son un equipo moi difícil de vencer!

    Incidencias: Partidos correspondentes á 3ª e 4º xornada da 2º fase da Liga de Prata.

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *