Balonmano Masculina: Primera Nacional: Landbit Lanzarote vs Sweepend Culleredo - YouTube
Viaxaba o pasado venres o Sweepend Culleredo a Lanzarote para visitar ao líder do grupo A en esta primeira nacional. O encontro, que se disputaría o Sábado ás 20:30h, parecía enfrontar a dous conxuntos dispares, como así denota a clasificación, pero o Sweepend, mantiña a esperanza de poder dar unha boa imaxe e competir fronte a un rival cun poderío sobresainte. O encontro comezaría con tres erros claros de lanzamento por parte dos cullerdenses ante a portería rival, feito que aproveitarían os locais para mostrar os seus acenos de identidade ao contragolpe e adiantarse cun parcial de 4-0 ao primeiro de vez. O Sweepend Culleredo, sufría e de que maneira, para poder parar as arremetidas dos lanzaroteños, que evidenciaban unha superioridade física insultante nas súas accións de ataque. Por contra e do mesmo xeito, na fase posicional, os de Culleredo non atopaban espazos libres para o lanzamento ou a penetración ante o armazón defensivo do Landbit. A escasa circulación do balón e o ritmo lento da primeira liña cullerdense, favorecía o labor do 6:0 local, que apenas tiñan que empregarse a fondo. Dadas as dificultades nas diferentes fases do xogo, o Sweepend Culleredo optaría por atacar con sete xogadores e, en certo xeito, frearía a sangría que se ía reflectindo no electrónico para retirarse no tempo de descanso cunha desvantaxe de seis goles (17-11). Na continuación, os xogadores de Culleredo sairían cun plan claro para reducir as diferenzas ata uns algarismos que estivesen contorna aos tres goles e para iso, exporían unha defensa máis profunda con Senén no avanzado e continuarían atacando con sete xogadores e, por tanto, sen porteiro. Serían os mellores momentos do Sweepend, facendo dano en cada ataque posicional e recuperando algún balón na súa retagarda. Así as cousas, o obxectivo conseguía alcanzarse e mesmo, con 20-17 no marcador, Aresi interceptaba un balón e marchábase ao contraataque para reducir a diferenza a tan só dous goles, claro que alí estaba o porteiro local para desbaratar a acción e con ela dar certo respiro aos momentos máis delicados dos insulares. Cumpríase o minuto sete deste segundo tempo e, de forma incomprensible, o Sweepend Culleredo comezaría a sumar erro tras erro e precipitación tras precipitación no seu ataque. En cuestión de minutos e dado que os visitantes continuaban a atacar sen porteiro, a diferenza a favor do Landbit Lanzarote dispararíase, xa que cada perda sumaba un gol para eles a portería baleira. Chegábase ao meridiano e o encontro estaba finiquitado. Con 29-18 e o Sweepend Culleredo entregado por completo e sen fol, os algarismos seguirían aumentando a favor do equipo local que conseguiría dous novos puntos que os achegan un pouco máis ao campionato. Pola súa banda, o Sweepend Culleredo deberá de recompoñerse e exporse como obxectivo obter os dous puntos en xogo no encontro que les enfrontará ao Disiclín Balonmán Lalín dentro de dúas semanas en Tarrío.
Landbit Lanzarote: 44 (17+27). Vicente González, Rafael Robayna (1), Joel Armas (7), Acoidan Martín Cejas (2), Abián Martín Gil (5), Javier Aragón (4), Marcos Vinicius Santiago (3), Javier De La Cruz (2), Ander Iriarte (1), Diego Ruiz, Aday González (4), Oscar Silva (5), Álvaro Torres (2), Miguel Laguna (3), Manuel Ángel Iglesias (5).
Sweepend Culleredo : 22 (11+11). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Nico Pérez (1), Alberto Catoira (1), Mario Crecente (3), Pedro Pereira (1), Daniel Salvador (5), Darío Pérez (2), Adrián Díaz, (1), Nuno Loxo (6), Aresio Rosende, Senén Garea (2).
Parciais cada 5´: 4-0 / 7-3 / 9-3 / 12-5 / 14-8 / 17-11 / Descanso / 20-15 / 22-17 / 29-18 / 35-20 / 39-20 / 44-22 / Final.
Colexiados: David Deniz e Diego Pastoriza.
Incidencias: Partido correspondente a 25ª xornada no grupo A da 1ª nacional en categoría senior masculina. Encontro disputado no pavillón municipal de Titerroy.
Fotos do encontro: