Saltar ao contido

O SWEEPEND CULLEREDO PERMITESE SOÑAR

(SM) Sweepend Culleredo - BM Ingenio (youtube.com)

O pasado sábado, visitaba o municipal de Tarrío o Balonmano Ingenio de Gran Canaria. Tratábase dunha nova final para os cullerdenses, unha máis das moitas que terá o equipo de aquí ao final da liga regular, especialmente cando actúe como local. O Sweepend Culleredo, conseguía unha vitoria vital para as súas aspiracións de permanencia nesta primeira nacional e fíxoo de forma solvente e cun amplo marcador ante un conxunto asentado na categoría, de importante identidade e gran nivel. Os comezos non distaron moito doutras citas, con certa irregularidade marcada principalmente polos fallos de lanzamento ante a portería visitante, pero a medida que o crono continuaba avanzando, os de Culleredo comezaban a carburar moito mellor, máis finos e, especialmente, imprimindo un maior ritmo, tanto nas transicións como no posicional. Neste sentido, sería especialmente importante para o devir do encontro o último tramo do primeiro tempo, cando cun 4-2 de parcial, o Sweepend Culleredo alcanzaría o punto álxido coa máxima diferenza do partido para retirarse aos vestiarios no tempo de descanso coas mellores sensacións (17-12). Se apelamos á relevancia destes últimos cinco minutos do primeiro acto, hai que facer o propio cos cinco primeiros da continuación, xa que un 5-1 de saída na volta ao 40x20, terminaría por afogar as posibilidades de remontada do conxunto insular. Co electrónico reflectindo un cómodo 21-13, o Sweepend Culleredo asinaría a mellor segunda parte da tempada e, sen as apreturas do marcador e con vento a favor, quitaríase o encorsetado de encima para mostrar unha clarividencia e fluidez no xogo que faría as delicias dos moitos seguidores que se deron cita no municipal. A actuación coral do equipo daba paso a destacadas actuacións individuais, como a do xuvenil Samuel, que con sete goles erixíase como brazo executor desde a zona dos nove metros, acompañado polos seus compañeiros que de forma individual alcanzaban unha das mellores versións da tempada. Unha actuación completa de todo o conxunto que remataba con dous novos e importantes puntos en prol da ansiada permanencia.

Sweepend Culleredo : 39 (17+22). Cristian Vigo (P), Oscar Bello (P), Nico Pérez (2), Samuel Seijas (7), Alberto Catoira (2), Carlos Costa (6), Marcos Vázquez (2), Mario Crecente (6), Pedro Pereira (4), Daniel Salvador (1), Darío Pérez (5), Adrián Díaz, Marcos Regueiro (2), Iván Sánchez (2), Nuno Loxo, Senén Garea.

Balonmano Ingenio: 26 (12+14). José Grigore, Rafael Sánchez (1), Carlos J. Sánchez, Bentor Deniz (2), Gabriel Sánchez (2), Rafael Morales (1), Andrés Martel (1), Jordan Xerach Peña (5), Iván Manuel Sánchez (3), Aitor Araña (1), Daniel Jesús Martín (7), Javier Sánchez (1), Daniel Muñoz (2).

Parciais cada 5´: 2-2 / 4-5 / 7-7 / 10-9 / 13-10 / 17-12 / Descanso / 21-13 / 23-17 / 28-20 / 32-21 / 35-23 / 39-26 / Final.

Colexiados: Jonathan Hinojosa e Gabriel Folgoso.

Incidencias: Partido correspondente a 24ª xornada no grupo A da 1ª nacional en categoría senior masculina. Encontro disputado nun municipal de Tarrío con moi ba afluencia de seguidores do BM.Culleredo.

Fotos Do encontro:

https://photos.app.goo.gl/7j1KnKXNus5d2i5A9

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *