Saltar ao contido

O DESPREOCÚPATE.ES CEDE ANTE O BM.PONTEDEUME NO ÚLTIMO ENCONTRO DA PRIMEIRA FASE

O BM.Culleredo Despreocúpate.es, non puido impoñerse no derbi ante o Galitráns BM.Pontedeume nun partido intranscendente para a clasificación, a todo punto que os cullerdenses xa estaban clasificados para a seguinte fase nesa quinta praza e os eumeses na sexta. Nesta falta dun obxectivo clasificatorio e coas mentes máis postas no seguinte reto, os visitantes mostráronse máis ambiciosos e motivados pola procura dunha vitoria e desde o inicio comandaron o marcador. Ben é certo que as diferenzas que mostraba o electrónico eran curtas e cando os de Culleredo encadeaban dous ou tres accións defensivas na retagarda, que daban pé a saír en transición, o equipo conseguía bater a portería contraria con certa facilidade, o que mantiña as esperanzas de voltear o marcador. Neste contexto, o BM.Culleredo Despreocúpate.es, mostrouse excesivamente errático e non conseguía abrir unha liña regular no seu xogo. Aos minutos de éxito defensivo ante o posicional visitante, sucedíanlle outros nos que os erros non forzados e as precipitacións castigaban a posibilidade de remontada e era así como os de Pontedeume retirábanse ao vestiario no tempo de descanso cunha vantaxe de dous goles (12-14).
Parecía que a situación podía cambiar en pouquiño tempo, xa que o BM.Culleredo Despreocúpate.es, igualaba a contenda ao minuto da continuación con dúas accións exitosas da sua defensa 5:1 que abría de novo a posibilidade do contragolpe. Cando mellor se lle puxeron as cousas ao conxunto locatario con esa igualada e unha maior actividade defensiva de pernas e disuasións que deron lugar á recuperación do balón, apareceron de novo unha suma de erros de pase ou recepción que freaban a posibilidade de poñerse por diante. Co paso dos minutos, o Galitráns Pontedeume aproveitaría o gran número de imprecisións para adquirir unha vantaxe cómoda entre os catro e cinco goles e xestionar esta renda con intelixencia. As présas levaban entón ás precipitacións dos cullerdenses e facíanse máis evidentes e en maior medida os fallos pola ansia de recortar diferenzas. O BM.Culleredo caería no erro de tentar achegarse ao seu rival a través de accións individuais, pero, por contra, esto facilitaba o labor defensivo do bloque eumés nunha sistemática 6:0 e les outorgaba finalmente a vitoria neste derbi. O BM.Culleredo Despreocúpate.es, afrontará agora a segunda fase da clasificación á que chegou clasificado nesa quinta praza que se mencionaba con anterioridade.

Balonmán Culleredo Despreocupate.es: 24 (12+12): Rubén Gantes (P), Adrián López (P), Bruno Pardo, Nicolás Díaz, Xoel Insua, Matías Teixeiro, Mateo Pérez, Antón Pérez, Lucas López, Iago Vázquez, Jairo Míguez, Juan Francisco Pazos, Álvaro Siso, Anxo Negreira.

Galitráns BM.Pontedeume: 29 (14+15): Hugo López, Martín Riveira, Luis Benito Abeledo, Mario González, Bryan Braña, Nuno Roi Tenreiro, Mateo Nuñez, Francisco Leira, Matías Fdez, Ricardo Folla, Manuel González, Roberto Folla.

Árbitros: Pablo Torreiro e Pablo Peteiro.

Incidencias: Última xornada da primeira fase da liga prata xuvenil masculina grupo B , disputado no pavillón municipal de Almeiras con boaafluencia de público.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *