Saltar ao contido

DEZ MINUTOS DE APAGÓN NO INICIO DA SEGUNDA PARTE, SENTENCIAN AO SWEEPEND CULLEREDO

BM Tejina La Laguna VS BM Culleredo (youtube.com)

O Sweepend Culleredo, afrontaba este Sábado a sua particular final na xornada nº23 da 1.ª nacional masculina (Grupo A). O duelo que ía enfrontar ao BM.Tejina e aos cullerdenses no IES Antonio González da localidade tinerfeña, debuxaba a loita nos postos baixos da clasificación entre dous equipos que, empatados a oito puntos, focalizaban este envite como unha gran oportunidade para abandonar a última praza e perseguir máis de cerca a salvación. Os locais comezaron sobreexcitados, impoñendo unha intensidade defensiva ao límite do regulamento e foi así que antes do primeiro minuto, xa tiña o primeiro xogador excluído. A primeira parte foi do Sweepend Culleredo, que se mantería o maior tempo por diante no electrónico, alcanzando mesmo nun par de ocasións unha diferenza máxima de tres goles. No debe, a mala xestión das superioridades numéricas e os erros cometidos, que impedían que os de Culleredo gozasen dunha maior diferenza no marcador. Demasiada vida estábaselle dando aos tinerfeños, que aproveitaban a recta final do primeiro tempo para poñerse por diante ao fío do descanso (14-13).
Os primeiros dez minutos da continuación, foron letais para os cullerdenses e aquí comezaríase a fraguar a derrota. Cun 8-2 de parcial, os locais poñían terra polo medio e o Sweepend Culleredo, sumido por entón nun mar de dúbidas, sumaba precipitacións e erros a partes iguais para encaixar unha diferenza que ao cabo sería insalvable. A distancia, que chegou a ser de oito goles (26-18), favorecía o contexto onde mellor se podía mover o BM.Tejina, esporeados agora polo seu público e con esa crecente agresividade defensiva ao bordo do regulamento. Dous xogadores expulsados con tarxeta vermella por tres exclusións, daba fé da altísima excitación que se vivía nesa retagarda, unha trampa na que caerían os de Culleredo pola falta de continuidade de balón en liñas xerais. O Sweepend Culleredo acudía entón ao seu plan B e con dobre mixta, conseguía reducir as diferenzas ata os tres goles. En ataque, estas recuperacións non sempre se materializaban en goles e os erros non forzados non permitían rematar a remontada final. As situacións de superioridade numérica, de novo xestionadas de forma deficiente, terminaban por afogar todas as opcións de vitoria dos cullerdenses e o BM.Tejina facíase con estes dous valiosos puntos.

BM.Tejina: 32 (14+18). Marcos Hernández, Camilo Ceballos, Amit Vashedev, Alejandro Andrés Castro, Brahim Mohamed, Yusef Mohamed (13), Enrique Padrón, José Antonio Rubio (9), Víctor Manuel Oliva, Lionel Chinea, Jonás Jesús Pérez (4), Iván Parrilla (1), Lois Pérez, Pablo Pérez, Alberto Saiz (5).

Sweepend Culleredo : 28 (13+15). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Nico Pérez (2), Samuel Seijas (3), Alberto Catoira, Carlos Costa (1), Mario Crecente (8), Pedro Pereira (4), Daniel Salvador (1), Darío Pérez (2), Adrián Díaz, Aresio Rosende (3), Iago Ferreiro (4), Nuno Loxo, Senén Garea.

Parciais cada 5´: 2-2 / 3-4 / 6-6 / 8-9 / 10-11 / 14-13 / Descanso / 18-14 / 22-15 / 24-17 / 27-20 / 29-24 / 32-28 / Final.

Colexiados: Pau Robert Sánchez e Víctor González.

Incidencias: Partido correspondente a 23ª xornada no grupo A da 1ª nacional en categoría senior masculina. Encontro disputado no IES Antonio González de Tejina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *