Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO SWEEPEND RESOLVE O ENVITE NOS PRIMEIROS TRINTA MINUTOS

O BM.Culleredo Sweepend, segue en liña sobresainte para continuar ao ronsel do líder e, nesta ocasión, finiquitou pola vía rápida o seu partido ante as Buenas Migas Luceros, último clasificado.
Os de Culleredo non tiveron piedade do conxunto do Morrazo e iniciaron o encontro levantando un muro inexpugnable para os visitantes, que vían as dificultades enormes para bater ao porteiro Marco. Cun comezo demoledor que se corroboraba cun parcial de 7-1 no paso polo minuto dez, o BM.Culleredo Sweepend achandaba o camiño cara á que sería a súa décima segunda vitoria nesta liga Ouro. As rápidas transicións facían crecer as diferenzas e no posicional, o xogo colectivo abría vías exitosas para os cullerdenses. Cun 23-8 e o partido virtualmente visto para sentenza, chegábase ao tempo de descanso.
Na continuación, o BM.Culleredo Sweepend, xa co encontro resolvido ao seu favor, sesteaba en demasía e encaixaría o dobre de goles que no primeiro acto. O exceso de relaxación contribuíu a que o parcial fose moito máis axustado neste tempo (20-16) e as sensacións, bastante peores que no primeiro. Os dous puntos quedábanse na casa cun contundente 43-24 que deixa aos de Culleredo na loita man a man co Cisne de Pontevedra pola primeira praza.

BM. Culleredo Sweepend: 43 (23+20). Marco González (P), Hugo Díaz (P), Lucas Sánchez (6), Aarón Blanco, Marcos Regueiro (3), Antón Pérez, Atalo Bello (2), Josemi Martínez (2), Adrián Veira (5), Iván Sánchez (1), Samuel Seijas (1), Alejo Martínez (5), Nico Casal (2), Daniel González (7), David Martínez (8), Felix Noya (1).

Buenas Migas Luceros: 24 (8+16). Lucas Jiménez (5), Asier Pereira(3), Abraham Martínez, Gael Pais (5), Mauro Sotelo (3), Cosme Nores, Antonio Rodal, Stefan Andrés Ionescu, Darío Giráldez, Adrián Iglesias, Alexandre Dovhanyk, Eloy Domínguez (8).

Parciais 5´: 3-0 / 7-1 / 11-3 / 17-5 / 20-7 / 23-8 / DESCANSO / 29-9 / 32-11 / 34-15 / 36-17 / 41-20 / 43-24.

Colexiados: André Pena e Nicolás Vázquez.

Incidencias: Xornada Nº14 na Liga Ouro en categoría xuvenil masculino. Partido disputado no pavillón municipal de Almeiras, que presentaba as bancadas cheas e cun ambiente excepcional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *