Saltar ao contido

O SWEEPEND CULLEREDO SEGUE SOÑANDO COA SALVACIÓN

(SM) Sweepend Culleredo - Campicarn Martinpex BM Porriño (youtube.com)

O pasado sábado, púidose vivir un encontro de alta tensión entre dous equipos que están en plena loita por manter a categoría e que nos últimos anos, enfrontáronse en numerosas ocasións con obxectivos ambiciosos en común. O municipal de Tarrío vestía as súas mellores galas coas bancadas abarrotadas por afeccionados de ambos os conxuntos e Xosé Canedo, o fillo pródigo, volvía á que era a súa casa, unha vez máis como "inimigo" durante sesenta minutos.
Non tardarían moito os foráneos en coller a dianteira no marcador, cun Pablo Gándara que aglutinaba todas e cada unha das accións de gol ante a portería defendida por Óscar Bello. No posicional, os cullerdenses estrelábanse contra o muro central da retagarda porriñense e a espesura no xogo colectivo favorecía os intereses destes. O Balonmán Porriño movíase no contexto que máis lle interesaba e nun ritmo de partido que en nada favorecía os intereses do Sweepend Culleredo. Chegábase entón ao tempo de descanso cun 12-14 ameazador e trinta minutos nos que poder reverter a situación.
Sería na continuación cando o Sweepend Culleredo melloraría as súas prestacións; A defensa e portería continuaban funcionando a bo nivel, mesmo aumentaría a intensidade e a colaboración entre postos lindeiros e no ataque, había moito máis ritmo de balón e un xogo colectivo máis fluído e lúcido. Un 4-0 de parcial entre o minuto trinta e cinco e o corenta, daba a primeira vantaxe aos de Culleredo (19-17), diferenza que se ampliaría ata un parcial de 5-0 e un 20-17 esperanzador para o conxunto local. Novamente, a defensa en colaboración coa portería, foran vitais para reverter a situación no electrónico. O Campicarn-Martinex BM.Porriño, pasaba ao seu plan B e sacaba rédito ao ataque sen porteiro (7x6). O marcador apertábase (26-25) e entrábase nuns últimos cinco minutos non apto para cardíacos. As accións finais foron ben xestionadas polo Sweepend Culleredo, que se levaría os dous puntos en xogo e que mesmo dispuxo dunha última situación en contragolpe para gañar o golaverage no duelo particular entre estes dous equipos.

Sweepend Culleredo : 28 (12+16). Jorge López (P), Oscar Bello (P)(1), Nico Pérez (3), Samuel Seijas (4), Alberto Catoira (1), Carlos Costa (2), Marcos Vázquez (2), Mario Crecente (6), Pedro Pereira (2), Daniel Salvador (3), Darío Pérez (2), Adrián Díaz, Carlos Martín Guisasola (1), Iago Ferreiro (1), Nuno Loxo, Senén Garea.

Campicarn-Martinex BM.Porriño: 26 (14+12). Iñigo Silva, Gabriel Isidro Calvar, Fernando Mosquera, Martín Brandariz, Jesús Maquieira (3), Iván Fernandes, Xosé Canedo (1), José Álvarez, Martín Rodríguez (2), Jonathan Vila, Pablo Gándara (9), Miguel Guedes, Eloy Molanes (4), Nico Giráldez (1), Nahum Pérez (5), Yago Raimúndez (1).

Parciais cada 5´: 1-1 / 3-5 / 5-7 / 7-10 / 9-12 / 12-14 / Descanso / 15-17 / 19-17 / 20-17 / 22-20 / 26-25 / 28-26 / Final.

Colexiados: Jordan Suárez e Daniel Valdés.

Incidencias: Partido correspondente a 22ª xornada no grupo A da 1ª nacional en categoría senior masculina. Encontro disputado nun municipal de Tarrío abarrotado tanto por seguidores do BM.Culleredo como do BM.Porriño desprazados ata Tarrío.

Fotos Do encontro:

https://photos.app.goo.gl/151A5gcVURWBmdkk8

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *