Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO REMAX RIAZOR, TERMINA LÍDER INVICTO A PRIMEIRA FASE DA COMPETICIÓN

O BM.Culleredo Remax Riazor, disputaba o último partido da primeira fase na liga Prata na matinal deste pasado Sábado no municipal de Almeiras. Os cullerdenses, recibían ao BM.Ribadosar coa intención de rematar unha primeira fase impoluta como líderes invictos. Aínda que o Remax Riazor iniciou o encontro un tanto apático, véndose sorprendido polo seu rival, que se adiantaba cun parcial de 0-3, non tardaría en facer evidente a gran diferenza entre un e outro equipo a día de hoxe. Tras ese primeiro tramo inicial e despois dun tempo morto para aclarar ideas e conceptos, especialmente na retagarda, os rapaces do BM.Culleredo Remax Riazor comezaron a recuperar balóns, ben provocando erros na primeira liña visitante ou ben interceptando os pases que daban lugar a rápidos contragolpes. En poucos minutos, a distancia xa se facía virtualmente insalvable para os composteláns, que se retiraban aos vestiarios no tempo de descanso cun amplo marcador en contra.
A segunda parte carecería de interese algún, xa que os de Culleredo, continuarían demostrando a súa gran superioridade en todas as fases do xogo, que co paso dos minutos e a aparición da fatiga, iríase facendo máis evidente. No paso polo meridiano deste segundo acto, o BM.Culleredo Remax Riazor pechaba o marcador alcanzando os trinta goles de diferenza (38-8) e levantaría un muro ante a portería defendida agora por Iago Bolaños para que ao seu rival lle fose imposible ver portería. Con esta vitoria, os cullerdenses logran por tanto o primeiro obxectivo da tempada e esperan, dentro de dúas semanas, o comezo dunha segunda fase definitiva e, a recado, moito máis esixente.

BM.Culleredo Remax Riazor: 38 - Ribadosar. 8. 

BM.Culleredo Remax Riazor: Hugo Díaz (P), Hugo García (P), Iago Bolaños (P), Iago Allegue, Jorge Outón, Fabián Manzo, Teo López, Xoán Bello, Jaime Serrano, Hugo Rodríguez, Diego Piñeiro, Roi Fdez.

Colexiados: José Miguel Martínez.

Incidencias: Encontro correspondente á xornada nº 14 no grupo C da Liga Prata e disputado no polideportivo de Almeiras con representación das dúas afeccións nas bancadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *