Saltar ao contido

OS ERROS DE LANZAMENTO NON PERMITEN AO SWEEPEND CULLEREDO PUNTUAR EN CARBALLAL

(6) 1ªNacional Masculino Granitos Ibericos Carballal Vs Sweepend Culleredo - YouTube

Os erros de lanzamento, engadidos ás perdas de balón, foron factores determinantes para que o Sweepend Culleredo non volvese de terras olívicas con algo positivo debaixo do brazo. 16 perdas e un acerto de lanzamento tan só do 47´83%, serían cruciais para que os dous puntos quedasen en Vigo e, especialmente definitivos, serían os seis penaltis fallados ante o porteiro local Juan Novás.
Os de Culleredo comezaron con boa intensidade o encontro, mostrando claras ideas tácticas no posicional. A circulación do balón era óptima e os procedementos contra o 6.0 local, acertados, pero os problemas xurdían no momento da finalización. Así foi como o Granitos Ibéricos Carballal sacaba rédito ao bo facer da súa portería e conseguía un 6:0 inicial que obrigaba aos de Culleredo a solicitar o seu primeiro tempo morto. Unha reacción posterior levaba ao Sweepend a reducir as diferenzas, achegándose no meridiano para meterse no partido (12-9) e finalizar o primeiro acto cun indicio de esperanza (14-10).
Na volta ao 40x20 do municipal de Carballal e pasados 10´, as diferenzas non se reducían, é máis, ampliáronse en tres goles máis a favor dos locais (18-11), así que os cullerdenses acudiron ao plan B. Nun primeiro instante, a retagarda comezaría a actuar cunha mixta, para posteriormente facelo con duas. En ataque, implantaríase o xogo sen porteiro para traballar sempre en superioridade numérica (7x6) co obxectivo de atopar as solucións que non estaban a aparecer coa igualdade. O Sweepend Culleredo conseguía entón recuperar algún balón con ese armazón defensivo e no posicional, sacaba rendibilidade positiva á superioridade. Con todo, o Granitos Ibéricos gozaba dunha diferenza moi cómoda e non se vería inquietado en ningún momento. O equipo de Culleredo conseguiría conter os algarismos e que estes non fosen a máis, pero non lograrían achegarse ata unha diferenza perigosa para o seu rival, que ao cabo quedaría cos dous puntos en xogo.

Granitos Ibéricos Carballal: 30 (14+16). Diego Otero, Diego Rodríguez (2), Carlos Veloso (9), Alejandro López (2), Juan José Basante (2), Iván Soage (3), Jonathan Patiño (1), Yago López (2), Jorge Navarro (4), Bruno Cela (2), Guillermo Rial (2), Juan Novás, Yasir Martínez, Pablo Vilaboa (1).

Sweepend Culleredo : 22 (10+12). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Samuel Seijas (3), Iván Sánchez, Alberto Catoira, Carlos Costa (3), Marcos Vázquez (3), Mario Crecente, Pedro Pereira (4), Daniel Salvador (1), Adrián Díaz, Aresio Rosende (1), Iago Ferreiro (1), Nuno Loxo (4), Senén Garea (1), Marcos Regueiro (1).

Parciais cada 5´: 3-0 / 7-2 / 9-6 / 12-7 / 12-8 / 14-10 / Descanso / 16-11 / 18-11 / 23-14 / 24-18 / 27-19 / 30-22 / Final.

Colexiados: Marta González e Silvia Vázquez.

Incidencias: Partido correspondente a 21ª xornada no grupo A da 1ª nacional en categoría senior masculina. Encontro disputado nun municipal de Carballal abarrotado tanto por seguidores do Carballal como do BM.Culleredo desprazados ata o pavillón municipal.

Fotos Do encontro:

https://photos.app.goo.gl/Ss4LEbLhC6nRYDnDA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *