Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO CLIMANOSA, LOITA ATA O FINAL CUN MENOS

O BM.Culleredo Climanosa, desprazábase o pasado sábado a Lugo para enfrontarse na Casa Do Deporte ao Millaven CP Lucense. Xogábase a xornada número trece do grupo C na liga Prata e o rival, segundo clasificado, destacábase como un exame en grao sumo esixente para os cullerdenses. Se a tarefa xa de por se era complicada, o equipo teríase que sobrepoñer a numerosas baixas de última hora, a tal punto, que non se completaría nin o mínimo número de nenos que debían saír á pista de polideportivo lucense. Con seis xogadores e sen rotación posible, o BM.Culleredo Climanosa saíu bravo e sen complexos, cedendo nos seus tres primeiras defensas, pero apertando as diferenzas nos seguintes ataques (4-3). Os bravos e novos xogadores cullerdenses estaban a competir cun gran rival e sería entre o minuto dez e quince, cando estes abrirían unha primeira brecha conseguindo un 3-0 de parcial (10-5). Cunha capacidade física moito maior, agravada para os intereses do Climanosa pola falta de recambios, os de Lugo poñerían terra polo medio cun segundo parcial moito máis demoledor e ampliarían a distancia ata os oito goles (16-8) cando se chegaba ao minuto vinte. Cun gran espírito de loita e de esforzo, os cullerdenses conseguirían un parcial gañador nos últimos cinco minutos do primeiro acto (4-5), de todo encomiable pero insuficientes para meter algo de presión ao seu rival no electrónico (20-13).
Na continuación, o encontro tivo moita menos historia. O CP. Lucense, que tivera a deferencia no primeiro acto de sacar un xogador para igualar o número presentado polos de Culleredo, decidía lícitamente xogar cos sete xogadores de campo no segundo tempo para adestrar e preparar as situacións de superioridade dentro do seu modelo de xogo. Foi entón cando o BM.Culleredo Climanosa, en desvantaxe numérica e coa fatiga acumulada como hándicap, iría decrecendo no seu ritmo e vendo como o rival aumentaba a distancia paulatinamente co paso dos minutos. Ao final, a derrota non pode embazar o traballo, a loita e o esforzo encomiable duns xogadores que se viron prexudicados pola falta de efectivos no momento máis inoportuno, cando ían enfrontarse a un rival fisicamente moi superior.

Millaven CP. Lucense: 40 (20+20). Hector Expósito, Rodrigo Fouz, Adrián Cuevas, Ian Jared, David González, Petrisor Angheluta, Mateo Penas, Brayan Martínez, Martín Prados, André Fdez.

Bm Culleredo Climanosa: 21 (13+9). Xurxo Méndez (P), Hugo Jiménez, Roi Palmeiro, Antón Méndez, Samuel Costa, Guillermo Blanco.

Árbitro: José López e Nicolás Fdez.

Incidencias: Partido correspondente á 13ª xornada da Liga de Prata disputado na Casa Do Deporte de Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *