Saltar ao contido

O BUEU ATL.BALONMÁN FREA O REFACHO DO SWEEPEND CULLEREDO

Chegaba a esta xornada o Sweepend Culleredo con bo ritmo de traballo e mellores sensacións despois das tres vitorias consecutivas nas últimas dúas semanas. Aínda que o rival que visitaba Almeiras destaca por impoñer un alto ritmo no seu modelo de xogo, os cullerdenses, coa moral ao grande, partían ilusionados por conseguir novamente algo positivo e que os puntos se quedasen na casa. O comezo do partido foi en grao sumo positivo, cun Sweepend Culleredo intenso e plantando cara ao seu rival. Golpeaban primeiro os locais, conseguindo un parcial de 3-0 que deixaban na retina as mellores impresións e potenciaban as ilusións, pero comezaban a aparecer igualmente os primeiros erros ante a portería rival e os foráneos non desaproveitaban os agasallos para igualar no 10 (3-3). Bastaron entón cinco minutos nos que os cullerdenses se sumirían nun mar de precipitacións para entrar nun descontrol fatídico e xa sen retorno, acumulando un erro tras outro que, aproveitados polos de Bueu ao contragolpe, establecerían un parcial de 1-6, deixando a diferenza núns guarismos moi perigosos que ao cabo xa serían insalvables (4-9). O Sweepend perdera neste pequeno período gran parte das súas opcións e agora dominaba ao seu antollo o Bueu Atl Balomán o ritmo que máis lles conviña. O 12-19 que reflectía o marcador ao descanso, poñía as cousas moi costa arriba para os locais dada a entidade do rival. O Sweepend Culleredo tentaría ese achegamento na continuación, cambiando o seu defensa en varias ocasións, apostados en 5:1 , 5+1 e dobre mixta, pero os buenenses non perderían a compostura e, coa tranquilidade e a marxe que lles daba a diferenza conseguida, farían estériles todos os intentos de remontada. O BM.Culleredo Sweepend, conseguiría entón maior eficacia no posicional actuando no 7x6, logrando un parcial igualado neste segundo tempo (16-18), pero de xeito evidente insuficiente para conseguir a ansiada remontada. Cinco minutos fatídicos nese primeiro tempo terminaron por afogar as posibilidades do Sweepend Culleredo e foi un agasallo excesivo ante un equipo experimentado e con galóns como é o de Bueu.

Sweepend Culleredo : 28 (12+16). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Samuel Seijas (5), Iván Sánchez, Alberto Catoira (1), Carlos Costa, Marcos Vázquez (4), Mario Crecente (1), Pedro Pereira (1), Daniel Salvador (3), Adrián Díaz, Carlos Martín, Iago Ferreiro (4), Nuno Loxo (3), Senén Garea (2), Darío Pérez (4).

Bueu ATL. Blonmán: 37 (19+18). David Iglesias (1), Roque Arias (6), Eber Dacosta (1), Brais López (6), Hugo Pérez, José López (12), Andrés Bacelar (5), Gonzalo Freire (1), Eduardo Alonso, Miguel Pérez, Iván Fdez (1), Julio Ferreiro, Eloy Malvido (1), Diego Dios (2), Adrián Suárez (1).

Parciais cada 5´: 2-0 / 3-3 / 4-9 / 6-12 / 7-16 / 12-19 / Descanso / 15-22 / 18-25 / 20-28 / 22-33 / 26-34 / 28-37 / Final.

Colexiados: Cesar Díaz e Carlos Manuel Alonso.

Incidencias: Partido correspondente a 20ª xornada no grupo A da 1ª nacional en categoría senior masculina. Encontro disputado nun municipal de Tarrío abarrotado tanto por seguidores do BM.Culleredo como de Bueu desprazados ata o pavillón municipal.

Fotos do encontro:

https://photos.app.goo.gl/WMiffYeKtnMSDfpg9

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *