Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO DESPREOCÚPATE.ES PERDE UNHA OPORTUNIDADE DE OURO NUN MAL DÍA

O BM.Culleredo Despreocúpate.es, viaxaba ata a localidade de Tui para enfrontarse ao conxunto locatario nun encontro que se intuía complicado. Á vez, os xogadores cullerdenses entendían o envite como unha clara oportunidade de achegarse á cuarta praza en caso de vitoria. Pero o partido non saíu como se esperaba e o conxunto de Culleredo, non mostrou en ningún momento a liña ascendente que conseguira no seu xogo nas últimas xornadas, especialmente en fase defensiva. O encontro foi moi feo por parte dos dous equipos, un partido con moitos erros e moi pouco balonmán asociativo, onde os locais terminarían por levarse os dous puntos para continuar a súa pelexa no alto da táboa. Nun primeiro tempo con moitas perdas de ambos, con solucións individuais no posicional e con escasa orde, as diferenzas serían mínimas para úns e outros, máis por deméritos propios que por méritos dun equipo en concreto. Desta forma, os primeiros trinta minutos parecían estar abocados ao empate e así sería con ese 15-15 co que os xogadores se retiraban a vestiarios no tempo de descanso.
Non cambiaría moito o panorama no segundo tempo, pero nos primeiros cinco minutos, catro perdas de balón consecutivas dos cullerdeses, facilitaban a máxima diferenza do conxunto locatario (20-17). A partir de aquí e aínda que as diferenzas acurtáronse ata a mínima expresión nalgún momento, o BM.Culleredo Despreocúpate.es xa non sería capaz de reverter a situación, mostrándose moi plano e feble na retagarda e moi desordenado no posicional. Sen ideas e con pouca disciplina táctica, os cullerdenses non aproveitaban as facilidades e os espazos que outorgaba a retagarda dos tudenses e a suma de erros non forzados, acumulaba demasiado lastre para que a remontada se levase a efecto.

BM.Tui: 32 (15+17). Izan Pérez, Antón Piñeiro, Alex Lage, Rubén Gómez, Roque Estévez, Samuel Vaz, Rodrigo Domíngues, Arón Prada, Lois Rodríguez, Darío Vila, Sergio Rodríguez, Fabio Mazzurco, Antón Paz.

BM.Culleredo Despreocúpate.es: 28 (15+13). Rubén Gantes (P), Adrián López (P), Bruno Pardo, Nico Arias, Nico Díaz, Iago Vázquez, Jairo Míguez, Lucas López, Matías Teixeiro, Álvaro Siso, Juanfran Pazos, Anxo Negreira, Mateo Pérez, Antón Pérez.

Parciais cada 5´: 2-3 / 3-5 / 7-8 / 9-10 / 13-12 / 15-15 / Descanso / 20-17 / 23-20 / 23-22 / 28-24 / 28-26 / 32-28 / Final.

Colexiados: Paula Fontán e Anxo Barca.

Incidencias: Encontro correspondente á xornada nº 13 da liga Prata (grupo B), disputado no pavillón Gustavo Rodríguez de Tui.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *