Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO SWEEPEND, COMPLETA UNHA NOTABLE SEGUNDA PARTE PARA IMPOÑERSE A UN BO BALONMÁN PORRIÑO

O BM.Culleredo Sweepend, volveu á senda da vitoria e fíxoo como local ante o Balonmán Porriño. Os cullerdenses, que tan só caeron dúas veces nesta tempada e ante o líder, chegaban a esta xornada precisamente despois de manter un duelo apaixonante a pasada semana ante o Cisne Colegio Los Sauces que se saldou con esa segunda derrota. Por tanto, unha das interrogantes era ver como afectara ao equipo este revés e que repercusión podía ter á hora de afrontar o envite ante o conxunto do Porriño.
Pronto se podería apreciar que o conxunto de Culleredo saía ao 40x20 de Almeiras coa fiabilidade defensiva que lle caracteriza, pero tamén resultaba evidente que a solidez na retagarda, non estaba a ter repercusión no marcador, xa que Nico Giráldez, desbarataba todas e cada unha das accións de lanzamento na portería rival. O porteiro foráneo sostería nestes minutos de tal forma ao seu equipo, que a frustración e as dúbidas comezaban a atenazar aos lanzadores locais á hora de finalizar, aproveitando o Balonmán Porriño a circunstancia para voltear o marcador e adiantarse cun momentáneo 9-10 despois dun 0-5 de parcial. Era o instante axeitado para que o técnico local solicitase o seu primeiro tempo morto e o equipo adquirise un maior grao de atención, se cabe, á hora de finalizar as numerosas accións de gol que estaba a crear. O BM.Culleredo Sweepend continuaría paciente, sen fisuras, fiel ao seu modelo de xogo e tardaría escasos minutos en tomar de novo o mando do electrónico para marcharse ao vestiario no tempo de descanso dominando por tres goles de diferenza (15-12).
Na continuación, o conxunto de Culleredo sairía como un verdadeiro vendaval coa intención de resolver a contenda e, apostados nunha defensa 5:1, conseguiría un parcial gañador nos primeiros dez minutos de 10-4 que practicamente daba por finiquitado o encontro (25-16). O maior fondo de banco dos cullerdenses, faría o resto ante un conxunto visitante que comezaba a quedarse sen gasolina e o ritmo baixaría considerablemente nuns minutos finais que serían de mero trámite. O BM.Culleredo Sweepend, volve por tanto a sumar dous novos puntos que lles sitúan na primeira praza de forma momentánea por encima do Cisne, que conta cun partido menos.

BM. Culleredo Sweepend: 35 (15+20). Marco González (P), Hugo Díaz (P), Xoel Insua, Lucas Sánchez, Aarón Blanco, Marcos Regueiro, Atalo Bello, Josemi Martínez, Adrián Veira, Iván Sánchez, Samuel Seijas, Alejo Martínez, Nico Casal, Daniel González, David Martínez.

BM.Porriño: 22 (12+10). Nicolás Giráldez, Mateo Rodríguez, Yago Raimúndez, Pablo Álvarez, David Rodríguez, Antón Sio, Pedro Gilsánz, Pablo Rodríguez, Francisco Pérez, Antón Lassen, Unai Soto, Kaijan Brayan,

Parciais 5´: 3-1 / 6-3 / 8-5 / 9-7 / 12-8 / 15-12 / DESCANSO / 21-15 / 25-16 / 27-17 / 28-18 / 31-19 / 35-22.

Colexiados: Pablo Torreiro e André Pena.

Incidencias: Xornada Nº11 na Liga Ouro en categoría xuvenil masculino. Partido disputado no pavillón municipal de Almeiras, que presentaba as bancadas cheas e cun ambiente excepcional por parte dos aficionados de ambos os conxuntos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *