Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO DESPREOCÚPATE.ES, IMPONSE A DOMICILIO NUNHA FANTÁSTICA SEGUNDA PARTE.

O BM.Culleredo Despreocúpate.es, visitaba onte Domingo o pavillón de O Gatañal en Cangas para enfrontarse ao BM.Cangas na xornada número 11 da liga Prata (Grupo B). Os cullerdenses, partían ben cedo cara ao Morrazo co obxectivo e a ilusión de volver á senda da vitoria despois de dúas derrotas consecutivas ante Ribeiro e Chapela, dous dos cocos da competición.
Aos cullerdenses custaríalles entrar no partido e aínda que as sensacións que xurdían desde a retagarda eran positivas, quedaban difuminadas pola cantidade de erros non forzados e os fallos de lanzamento que se acumulaban en transición e no posicional. A superioridade que se palpaba, non se referendaba no electrónico e o BM.Culleredo Despreocúpate.es, gozaba simplemente dunha curta vantaxe ao fío do descanso (13-15). Sería nos últimos cinco minutos deste primeiro acto e cun 1-4 de parcial, cando o conxunto de Culleredo distanciaríase cunha diferenza moi cómoda para afrontar os segundos trinta minutos (14-19).
Cun labor sobresainte na retagarda, que facilitaría a transición defensa ataque, o BM.Culleredo Despreocúpate.es conseguiría outro parcial idéntico ao anterior na continuación do xogo, conseguindo un 15-23 que achandaba, e de que maneira, o camiño cara á vitoria final. Sen baixar o ritmo nin a intensidade, os de Culleredo seguirían ampliando as diferenzas nunha segunda parte moi completa e terminarían por sumar eses dous puntos en xogo que os manteñen no quinto posto da clasificación.

BM.Cangas: 22 (14+8). Daniel Cancelas, Gabriel Señoráns, Rodrigo Colinas, Xurxo Otero, Miguel Peixoto, Diego Rivas, Pedro Piñeiro, Mateo Hernández, Xabier Cordeiro, Manuel Malvido, Aitor Costas, Raul Castro.

BM.Culleredo Despreocúpate.es: 40 (19+21). Rubén Gantes (P), Adrián López (P), Bruno Pardo, Iago Vázquez, Jairo Míguez, Xoel Insua, Lucas López, Matías Teixeiro, Álvaro Siso, Juanfran Pazos, Anxo Negreira, Mateo Pérez, Antón Pérez.

Parciais cada 5´: 1-3 / 3-5 / 6-8 / 11-12 / 13-15 / 14-19 / Descanso / 15-23 / 18-25 / 20-28 / 20-32 / 21-35 / 22-40 / Final.

Colexiados: Ania Lampón e Alberto Rodríguez.

Incidencias: Encontro correspondente á xornada nº 11 da liga Prata (grupo B), disputado no pavillón O Gatañal de Cangas do Morrazo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *