Saltar ao contido

O SWEEPEND CULLEREDO NON CONSEGUE PECHAR O ANO ESTREANDO A SÚA MARCADORA

O Sweepend Culleredo, afrontaba a saída a Cangas do Morrazo coa ilusión e o obxectivo de terminar o ano e pechar a primeira volta do campionato estreando a súa marcadora de puntos ante o Autonomía Luceros, pero sucumbíu nunha segunda parte na que os erros acumulados e a pouca efectividade defensiva, pasaron factura en modo de clara derrota. A entrada no 40x20 do Gatañal, non foi a máis adecuada por parte do conxunto de Culleredo, que se vía superado por un rival que se dedicaba a aproveitar os numerosos erros de lanzamento que se acumulaban ante a portería defendida por Mateo Pallas e a deficiencia no balance defensivo daqueles. Era unha sensación de impotencia que comezaba a xerar certas urxencias, cando no minuto quince os locais xa dominaban por sete goles de diferenza (11-4). Con algúns cambios defensivos e a entrada dunha segunda unidade, souberon entón reaccionar os de Culleredo, conseguindo un parcial gañador de 9-14 para irse ao vestiario cunha curta desvantaxe e meterse de cheo no partido (20-18).
Foi na continuación cando os locais terminarían por romper o encontro e é que pouca resistencia atoparon na parcela defensiva cullerdense, que ademais, cometían múltiples erros no posicional, sumando varias perdas que facilitaban o contraataque dos do Morrazo. Acudía o Sweepend por tanto ao plan C, pero o xogo sen porteiro tampouco daría resultado e o equipo encaixaría un gol a portería baleira tras perda e facilitaría o contraataque do Luceros en varias ocasións por erros de pase. O BM.Culleredo Sweepend, terminaba resignado nun dos peores encontros do que vai de campionato e deberá de afrontar o parón do Nadal coa idea de restablecer e iniciar o novo ano con novos bríos a nivel competitivo.

Automanía Luceros: 44 (20+24). Javi Fdez (P), Mateo Pallas (P) (1), Martín Fuentes (3), Adrián Bernárdez (5), Manuel Rodríguez (10), Denis Iglesias (3), Pablo Fdez (4), Javier Iglesias (2), Gael Blanco (6), Carlos Menduiña, Juan Rodríguez (1), Roberto Castro (2), Rodrigo Caamaño (1), Rubén Augusto (2), Sergio Piñeiro, Miguel Pousa (4).

Sweepend Culleredo: 33 (18+15). Jorge López (p), Oscar Bello (P), Iván Sánchez, Samuel Seijas (3), Martín Insua, Carlos Costa (2), Marcos Regueiro (3), Marcos Vázquez (2), Daniel González (4), Daniel De Salvador (3), Adrián Díaz (1), Iago Ferreiro (1), Nuno Loxo (2), Mario Crecente (6), Darío Pérez (2), Senén Garea (4).

Parciais cada 5´: 3-2 / 6-3 / 11-4 / 13-8 / 16-11 / 20-18 / Descanso / 24-20 / 28-23 / 32-28 / 37-31 / 40-31 / 44-33 / Final.

Colexiados: Cristian García e Pablo Barreiro.

Incidencias: Encontro correspondente á derradeira xornada da primeira volta en 1ª nacional masculina (Grupo A). Partido disputado no pavillón O Gatañal ante máis de un centenar de afeccionados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *