Saltar ao contido

DOMINIO E GOLPE DE AUTORIDAD DO BM.CULLEREDO SWEEPEND ANTE O UPI INFORMÁTICA LALÍN

Tratábase dun partido clave para os dous equipos: os cullerdenses, para continuar de cerca a senda do líder e afastarse ata os seis puntos dun rival directo como son os de Lalín e estes, para precisamente, non perder corda cos postos altos da clasificación. Nun municipal de Almeiras abarrotado con seguidores de ambos os conxuntos, púidose ver un dos mellores partidos que pode ofrecer a liga Ouro desta categoría xuvenil. Os locais, comezaron o envite mostrando unha suficiencia e un poderío defensivo avasalador e só o porteiro visitante, David Failde, conseguía manter ao seu equipo no marcador con meritorias intervencións ante o pivote local e en accións de contraataque. O muro que levantaban os de Culleredo diante da portería de Marco, parecía infranqueable e os dezáns suaban para inaugurar o seu marcador alá polo minuto nove (6-1). Entrábase entón nunha fase errática e irregular e os foráneos, sostidos e animados polas intervencións de Failde, chegaban a poñerse por diante no electrónico (7-8). Lonxe de virse abaixo, o BM.Culleredo Sweepend continuaría fiando todo á súa seguridade defensiva e cun só gol encaixado nos últimos dez minutos deste primeiro tempo, voltearía de novo os algarismos para irse liderando ao descanso por tres goles (12-9).
Os cullerdenses terminarían por rematar o encontro no segundo acto, mantendo un ritmo alto de xogo e unha intensidade defensiva que favorecería a recuperación e a saída ao contraataque, finiquitando virtualmente o partido cando pasado o meridiano, a diferenza xa se instalaba nos once goles (25-14). Nos últimos minutos e xa cos dous puntos no peto, o BM.Culleredo Sweepend baixaría a intensidade e o seu rival aproveitaría para reducir a diferenza aos oito goles finais (28-20).

BM. Culleredo Sweepend: 28 (12+16). Marco González (P), Hugo Díaz (P), Lucas Sánchez, Aarón Blanco, Marcos Regueiro, Atalo Bello, Josemi Martínez, Adrián Veira, Iván Sánchez, Samuel Seijas, Alejo Martínez, Nico Casal, Daniel González, David Martínez, Felix Noya, Antón Pérez.

UPI Informática Lalín: 20 (9+11). David Failde, Alejo Varela, Jaime Conde, Juan Ramón Villar, Sergio Munín, Miguel Ramos, Diego Vázquez, Pablo López, Pablo Pérez, Alejandro Lalín, Adrián Hermida, Mario García, Xosé Cuiña, Brais Cangado, Nahuel Talquenca, Miguel Aller.

Parciais 5´: 3-0 / 6-3 / 7-7 / 9-8 / 11-8 / 12-9 / DESCANSO / 15-10 / 18-12 / 23-14 / 25-18 / 28-16 / 28-20.

Colexiados: Martina Regeiro e Uxía Mariño.

Incidencias: 8ª xornada da Liga Ouro en categoría xuvenil masculino. Partido disputado no pavillón municipal de Almeiras con un excelente ambiente e as bancadas cheas para ver este partido entre dous dos grandes equipos da categoría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *