Saltar ao contido

BO PARTIDO DO GALAICO CARAVANING PARA LEVARSE O DERBI ANTE O OAR.

O BM.Culleredo Galaico Caravaning, afrontaba o pasado sábado o derbi provincial ante o OAR no pavillón San Francisco Javier. Antes de disputarse esta sétima xornada, os cullerdenses situábanse na quinta posición da táboa clasificatoria, a dous puntos dos coruñeses, que ocupaban a terceira praza. Por tanto, a efectos clasificatorios, o encontro cobraba gran relevancia, coa ilusión e o obxectivo do Galaico Caravaning de igualar a puntos ao seu rival. Os de Culleredo completarían o partido máis serio desta tempada, disciplinados en ataque e en defensa, tentando levar a cabo o plan de partido ao detalle sen saírse do guion e o camiño trazado previamente. A pesar de todo ,o envite non comezaría de forma positiva para os intereses do BM.Culleredo, que nos primeiros instantes xa se situaba á zaga do seu rival cun perigoso 1-5. Bastaría un tempo morto para chamar á orde, refrescar ideas e reconducir a situación e así, o equipo que volvía ao 40x20 do San Francisco Javier, parecía outro totalmente distinto. Co paso dos minutos, o BM.Culleredo iría comendo terreo ao seu rival e no meridiano conseguía a primeira vantaxe (9-10). A partir deste intre, a igualdade sería a tónica dominante, rexistrándose sucesivos empates ata esa igualada coa que se daría por finalizado o primeiro asalto deste bonito encontro (19-19).
Sería na continuación, cando o BM.Culleredo Galaico Caravaning sementaría a súa gran vitoria ante o bo conxunto oarista e a partir do bo facer defensivo, conseguiría un crucial parcial gañador nos primeiros cinco minutos deste segundo acto (1-6). Coa diferenza xa instaurada nuns cómodos cinco goles (20-25), os de Culleredo dominarían con autoridade o tempo do partido e optarían polo ritmo que máis lles conviña en cada unha das accións e fases do xogo. A diferenza entón non deixaría de ampliarse e estableceríase unha distancia xa insalvable para os locais. A vitoria final e o bo xogo, fan posible que o Galaico Caravaning suba dúas posicións, xusto ata esa meritoria terceira praza que antes de este enfrontamento ocupaba o OAR.

OAR Coruña 1952 : 36 (19+17). Santiago Becerra, Sergio Rey, Nicolás Gamas, Carlos Ortiz, Nicolás Cid, Leo Fagot, Roi Tarrío, Isayas Pasandín, Matías Castro, José Regueiro, Javier Corredoira.

BM Culleredo Galaico Caravaning: 44 (19+25): Jorge Amor, Hugo Nodar, Víctor Laya, Mateo Negreira, Jairo Candamio, Hugo Bermúdez, Adrián Aneiros, Xoán Seoane, Diego Rodríguez, Hugo Bregua, Pablo Ares, Teo Gómez, Iván Gantes.

Parciais cada 5`: 4-2 / 8-6/ 9-10 / 11-11 / 15-15 / 19-19 / Descanso / 20-25 / 24-29 / 26-34 / 32-38 / 34-40 / 36-44 / Final.

Árbitros: Nicolás Vázquez

Incidencias: Xornada 7 da liga regular de liga prata cadete masculino (Grupo C). Derbi provincial disputado no pabillón San Francisco Javier da Coruña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *