
Chegaban ao envite ambos os conxuntos con urxencias que reclamaban sumar os dous puntos en xogo. Os cullerdenses, necesitados e esperanzados en estrear a súa marcadora e os da Cañiza, desexosos por iniciar un camiño positivo co cambio de adestrador que efectuaron hai unhas semanas. Os foráneos, entraron moito máis concienciados no 40x20 do municipal de Tarrío e a intensidade exposta, acorde ao que estaba en xogo, impoñíase desde os primeiros compases a un Sweepend Culleredo excesivamente brando. O BM. Saeplast Cañiza conseguiría rapidamente unha cómoda renda de tres goles, suficiente para non verse sorprendido polo seu rival. Co paso dos minutos, as présas por recuperar o terreo perdido e as precipitacións, farían acto de presenza no conxunto cullerdense e entraríase nunha espiral fatídica que sentenciaría virtualmente o partido. O 1-6 conseguido polo Saeplast en apenas dez minutos, establecería unha distancia perigosa entre ambos os conxuntos, a mesma que obrigaba ao técnico local a solicitar dous tempos mortos case consecutivos para reverter a situación e que, por ende, reflectiría o electrónico ao termo dos primeiros trinta minutos (9-17).
Este marcador condicionaría o segundo acto e a pesar de que o Sweepend Culleredo tentaríao cunha defensa máis profunda e cun ataque posicional sen porteiro (7x6), a experiencia dos da Cañiza non permitiría ao seu rival achegarse a unha distancia perigosa para os seus intereses. Os cullerdenses tan só serían capaces de conseguir un parcial gañador neste segundo tempo de 16-14, a todas luces insuficiente para lograr o obxectivo inicial de que os dous puntos quedasen na casa. Novamente, as vinte perdas de balón e os numerosos faios de lanzamento ante o porteiro rival, serían demasiado lastre para poder conseguir a vitoria nunha categoría tan esixente.
Sweepend Culleredo: 25 (9+16). Jorge López (p), Oscar Bello (P), Iván Sánchez, Samuel Seijas (2), Martín Insua (2), Carlos Costa (1), Carlos Martín Guisasola (2), Marcos Vázquez, Daniel González, Daniel De Salvador (2), Adrián Díaz (1), Iago Ferreiro (3), Nuno Loxo (5), Mario Crecente, Darío Pérez (2), Senén Garea (5).
BM.Saeplast Cañiza: 31 (17+14). Raul Pérez, Martín Dávila (5), Rubén Soliño (5), J.Manuel Chao, Manuel A. Gómez (1), Jesús Veiga (1), Alex Rey (3), Samuel Barciela (3), Rubén López (4), Ricardo Antón González (1), Cristian Canosa (6), Javier Bernárdez (1), Adrián Losón (1), Jesús Rivera.
Parciais cada 5´: 2-4 / 4-7 / 5-9 / 5-13 / 7-15 / 9-17 / Descanso / 12-19 / 13-22 / 16-24 / 20-26 / 21-29 / 25-31 / Final.
Colexiados: Francisco Fdez Herrero e Daniel Álvarez.
Incidencias: Encontro correspondente á xornada nº 14 na primeira nacional masculina (Grupo A) disputado no municipal de Tarrío ante máis de un centenar de afeccionados.
Fotos Do encontro:
