Saltar ao contido

BOAS SENSACIÓNS DO SWEEPEND CULLEREDO EN LALÍN A PESARES DA DERROTA

Partido moi serio do Sweepend Culleredo nunha das pistas máis difíciles da categoría e primeira parte de claro dominio cullerdense fronte a un rival de soleira. Gran comezo dos de Culleredo que no minuto once dominaban por un claro 2-8, ata que dúas accións absurdas en senllos cambios efectuados de forma irregular, deixaban aos visitantes con catro en pista. Parcial nestes instantes de 2-0 a favor do conxunto dezán, pero de novo resposta do Sweepend ao recuperar a igualdade numérica para tomar vantaxe de catro goles no meridiano (6-10). Os dous equipos loitaban frenéticamente, uns por recuperar o terreo perdido e outros por aumentalo. Neste vórtice, sería o conxunto local o que conseguía un 3-0 de parcial que apertaba o marcador á mínima expresión (9-10), pero de novo reaccionaría o Sweepend para manter unha diferenza de dous goles, que se reduciría de novo ao mínimo cando os colexiados sinalaban o final do primeiro acto.
Na continuación, os dezáns entrarían no partido coa intención de tomar o mando no electrónico e un parcial de 5-2 confirmaría o sorpaso e obrigaría ao técnico visitante a solicitar o seu primeiro tempo morto. Coa volta á pista e no paso polo minuto corenta, a distancia entre un e outro conxunto sería de novo mínima (22-21), pero as perdas conseguintes e os erros claros ante o porteiro rival, lastrarían aos de Culleredo, que vían como os de Lalín ampliaban e moveríanse en distancias cómodas de tres e catro goles durante eses últimos vinte minutos. Esta diferenza, xa sería insalvable para o Sweepend Culleredo que terminaría por sucumbir por un resultado final de catro goles (35-31).

A derrota, non debe de empañar o bo partido de todo o equipo e a melloría no xogo que se plasma outra semana máis nesa persistencia na que se apoia o conxunto, na busqueda de sumar os dous primeiros puntos. De novo, destacar o traballo dos xogadores xuvenís, que neste caso foron convocados en número de catro e durante varios minutos incluso conformaron unha primeria liña con pouco máis de dezaseis anos.

Disiclín Balonmán Lalín: 35 (15+20). Tomás Villaroel, Ramón Gil, Adrián Crespo (7), Martín Losón (4), Sergio Munín, Miguel García (1), Bruno Fdez, Duarte Batán (5), Miguel López (4), Román Pedreira (4), Xabier Fdez, Iago González, Pedro Toimil (5), Adrián Ferradás (3), Breixo Pereira (2), Víctor Hidalgo.

Sweepend Culleredo : 31 (16+15). Jorge López (P), Samuel Seijas (3), Oscar Bello (P), Iván Sánchez, Aresi (1), Martín Insua (3), Carlos Costa (3), Mario Crecente (6), Daniel González, Marcos Regueiro, Daniel Salvador (1), Adrián Díaz, Iago Ferreiro (9), Nuno Loxo (1), Senén Garea (2), Darío Pérez (2).

Parciais cada 5´: 1-2 / 2-7 / 6-10 / 9-10 / 12-14 / 15-16 / Descanso / 20-18 / 22-21 / 26-22 / 29-26 / 33-29 / 35-31 / Final.

Colexiados: Julio Villanueva e Pablo Torreiro.

Incidencias: Partido correspondente a 11ª xornada no grupo A da 1ª nacional en categoría senior masculina. Encontro disputado no maxestuoso Lalín Arena con máis de douscentos siareiros nas bancadas, moitos deles desprazados dende Culleredo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *