Saltar ao contido

A DEBILIDADE DEFENSIVA CONDENA AO GALAICO CARAVANING EN LALÍN

O BM.Culleredo Galaico Caravaning da categoría cadete, cedio os primeiros dous puntos esta fin de semana pasada na súa visita a Lalín. A pesar de que os cullerdenses comezaron mellor o encontro, dominando con vantaxes mínimas nos primeiros compases, pronto se faría patente unha igualdade continua que persistiría ata os últimos instantes do primeiro acto, momento no que os locais conseguían unha renda de tres goles e marchábanse a vestiarios no tempo de descanso coa máxima vantaxe ata o momento (20-17). Estaba a ser moi evidente que a retagarda dos de Culleredo funcionaba de forma moi deficiente, de aí os vinte goles encaixados. O conxunto dezán castigaba continuamente no 1x1 aos seus rivais; non existía profundidade defensiva nin intensidade de pernas na basculación, o traballo de disuasión non se estaba levando a cabo e a contundencia na marcaxe e os contactos, era inexistente. Con todo iso, cada vez que o Vayro Lalín afrontaba un 1x1, adoitaba conseguir o seu obxectivo, xa que non se realizaba a cadea de axudas pertinente por parte dos de Culleredo. O emprego na fase defensiva preocupaba e moito xa que con esta dinámica de goles encaixados, a remontada intuíase complicada.
Na continuación, a tónica continuaría sendo a mesma e, aínda que o BM.Culleredo Galaico Caravaning cambiaría o seu sistema defensivo a 6:0, os erros defensivos repetíanse unha e outra vez cun alto grao de indolencia en determinadas accións. A boa noticia e a pesar do deficit defensivo, era que o equipo de Culleredo conseguiría igualar de novo a contenda, debido ás imprecisións dos de Lalín en varios lanzamentos francos ante a portería defendida por Jorge Amor. O optimismo durou apenas uns minutos, o tempo que os xogadores dezáns tardaron en precisar os seus lanzamentos e afinar nas tomas de decisión. Foi entón cando de novo, unha vantaxe de tres goles, daba por finiquitado o encontro, xa que non quedaba tempo para máis.
O Galaico Caravaning, deberá por tanto mellorar de forma urxente a fase defensiva do seu xogo, desde os conceptos TEC-TAC individuais máis básicos, ata aqueles que teñen que ver coa colaboración defensiva e coa actitude, a concentración e a intensidade nas accións. Toca traballar duro para seguir avanzando e neste sentido, a fase defensiva é prioritaria n odeporte do balonmán para que o equipo poida conseguir cotas máis altas e ambiciosas.

Vayro Lalín: 38 (20+18)Iago Alexandre Cuiña, José Alberto Canda, Roi Pol, Lucas Vilariño, Iker Fiuza, Brais Llinares, Sergio Sánchez, Pedro ANico Vázquez, Manuel Montoto, Manuel Eirín, José Enrique Portas, David González, Gabriel Pérez.

BM. Galaico Caravaning: 35 (17+18). Hugo Nodar (P), Jorge Amor (P), Alex Tajes, Hugo Bregua, Adrián Aneiros, Pablo Penelas, Iván Gantes, Alexis Martínez, Jairo Candamio, Víctor Laya, Pablo Ares, Hugo Bermúdez, Mateo Negreira, Diego Rodríguez.

Colexiada: Sara Gómez.

Incidencias: 3º encontro da categoría cadete masculino na Liga Prata (Grupo C). Partido disputado no pavillón municipal Lalín Arena ante oitenta espectadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *