Saltar ao contido

AO SWEEPEND CULLEREDO, ESCÁPASELLE A OPORTUNIDADE DE IMPOÑERSE ANTE UN RIVAL DIRECTO

Non foi un bo partido o disputado no municipal do Porriño no día de onte, quizá pola necesidade dos dous conxuntos na táboa clasificatoria. O encontro, que tivo moi pouco balonmán, acabaríase resolvendo a favor dun equipo local que aproveitou as deficiencias no repregamento dos de Culleredo e resolveu finalmente baleirando a súa portería e xogando o posicional con 7x6.


Comezaron mellor os cullerdenses, dominando o marcador nos dez primeiros minutos con mínimas rendas, pero a partir do meridiano, o BM.Porriño tomaría unha dianteira que xa non abandonaría en todo o encontro. Os fallos de lanzamento ante o porteiro rival, volvían ser unha laxa para o Sweepend Culleredo, nunha situación xa repetida que está a custar a posibilidade de sumar puntos ao conxunto cullerdense. Os locais sacaban moito rédito á pasividade e deficiencia no balance defensivo do seu rival e retirábanse aos vestiarios no tempo de descanso cunha zumarenta renda de tres goles (17-14).
Na continuación, o Sweepend Culleredo reaccionaría da mellor maneira e apoiándose nunha defensa máis profunda, con Senén de avanzado, conseguiría establecer as táboas cando se levaban disputados dez minutos deste tempo. Abríase por tanto unha porta á esperanza, pero os do Porriño responderían xogando o posicional en 7x6 e conseguirían de novo unha leve renda de dous goles despois dun parcial de 3-1 (24-22). De novo, o equipo de Culleredo debería de remar ao contraxeito, axustando ese avanzado á nova situación numérica que se expuña. Tras uns minutos de axustes, a retagarda dos cullerdenses daban coa tecla, conseguindo eses axustes desexados, encerrando aos atacantes en zona de balón e impedindo que se trasladará á beira contrario. O éxito defensivo volteaba de novo a diferenza e establecía unha nova igualada nun momento crucial para ambos os conxuntos (28-28). O Sweepend Culleredo tíñao agora na man nesta recta final e tocaba temporizar, xogar longo e con cabeza e estar alerta no repregamento. Pero o panorama sería totalmente antagónico e as precipitacións, os fallos ante o porteiro e de novo as deficiencias no balance defensivo, volverían facer a súa aparición no peor momento para apagar por completo as posibilidades de vitoria dos de Culleredo, que recibían un parcial de 5-1 en apenas tres minutos. Xa non había tempo para voltear de novo o marcador, pero agora corría perigo o golaverage entre os dous conxuntos e aí soubo responder o equipo de Culleredo que reducíu a diferenza a dous goles no último suspiro e que pode ser importante de fronte ao partido de volta en Tarrío.

Campicarn Martinpex BM.Porriño: 33 (17+16). Yago Raimúndez, Fernando Mosquera (5), Iñigo Silva (1), David Moreiras, Martín Brandariz (4), Mario Chan, Jesús Maquieira (5), Iván Fernándes (1), Xosé Canedo (2), José Álvarez, Martín Rodríguez (1), Pablo Gándara (10), Miguel Guedes, Eloy Molanes (2), Nahum Pérez (2).

Sweepend Culleredo : 31 (14+17). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Aresi, Samuel Seijas, Martín Insua (1), Carlos Costa (6), Marcos Vázquez (1), Miguel Casal (2), Mario Crecente (6), Pedro Pereira (2), Daniel Salvador (2), Adrián Díaz (7), Carlos Martín (2), Iago Ferreiro (1), Nuno Loxo (1), Senén Garea.

Parciais cada 5´: 2-1 / 4-4 / 9-8 / 11-10 / 15-12 / 17-14 / Descanso / 21-19 / 21-21 / 24-22 / 27-25 / 29-28 / 33-31 / Final.

Colexiados: Fernando Iñán e José Manuel García.

Incidencias: Partido correspondente a sétima xornada no grupo A da 1ª nacional en categoría senior masculina. Encontro disputado nun municipal de O Porriño con ampla afección do BM.Culleredo .

Fotos Do encontro:

https://photos.app.goo.gl/KwtTpd8BpA99mKdj6

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *