Saltar ao contido

O SWEEPEND CULLEREDO, FINALIZA O SEU ÚLTIMO TEST ANTES DO INICIO DA COMPETICIÓN NACIONAL

O Sweepend Culleredo acudía a Vigo para completar a súa actividade de pretemporada no Memorial Koki, celebrado no municipal de Carballal. Era o último test antes do inicio de liga e o Sweepend Culleredo visitaba á cidade olívica con ata oito baixas. Estas vicisitudes en forma de lesión marcaron o plan e o devir do partido, que unidas ás baixas coas que tamén contaba o conxunto local, convertería o envite nun tramite que se debía de pasar, pero sen máis sobresaltos que puidesen reducir aínda máis os cadros de persoal ante o inminente inicio da competición ligueira. Debido a estes factores, o encontro tivo unha intensidade moi baixa, con escaso ritmo competitivo e as defensas non se mostraron excesivamente contundentes. Ante as facilidades da retagarda, os ataques desenvolvíanse con maior liberdade, pero ese factor de intensidade, moi lonxe do que se podería ver nun partido de competición oficial, influía negativamente na precisión dos pases e na toma de decisións. As perdas, os erros e os fallos en lanzamentos francos, eran os culpables de que os algarismos fosen moi baixos ao termo dos primeiros trinta minutos (12-8).
Na continuación e co paso dos minutos, o encontro foise arrefriando aínda máis e nun final insulso e totalmente previsible, os locais acabaríanse impoñendo por un resultado final de 29-23.
Agora toca centrarse no verdadeiramente importante e prepararse para o inicio de competición o vindeiro sábado no Municipal de Tarrío ante un histórico como o Teucro (18:00h) . Os esforzos estarán envorcados en recuperar os máximos efectivos posibles e conseguir un resultado positivo para dedicar a aqueles que non poidan estar na pista, especialmente a Alejandro Gómez cuxa rotura do LCA terao apartado das canchas esta tempada.

Granitos Ibéricos Carballal: 29 (12+17). Samuel Rodríguez (1), Pablo García (1), Diego Rodríguez (1), Iago García, Carlos Veloso (3), Alejandro López, Juan José Basante (8), Iván Soage (3), Jonathan Patiño, Yago López (2), Jorge Navarro (2), Bruno Cela (1), Cristian Bretal, Juan José Novás, Javier Mera (3), Yasir Martínez (1), Pablo Vilaboa (3), Alex Figueroa.

Sweepend Culleredo : 23 (8+15). Jorge López (P), Oscar Bello (P), Martín Insua (3), Carlos Costa (2), Marco García (5), Darío Pérez (2), Adrián Díaz (1), Carlos Martín (4), Dani Salvador (1), Iago Ferreiro (2), Juan Salvador, Samuel Seijas, Nuno Loxo (2), Alejo Martínez (1).

Parciais cada 5´: 1-2 / 5-3 / 8-5 / 10-7 / 10-7 / 12-8 / Descanso / 16-10 / 17-11 / 20-13 / 22-17 / 24-20 / 29-23 / Final.

Colexiados: José Henrique Folgoso e Víctor Manuel Rivera.

Incidencias: Partido correspondiente al Memorial KOKI de categoría senior masculina. Encontro disputado no municipal de Carballal ante un centenar de espectadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *