Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO REMAX RIAZOR, COMEZA A FASE DE CLASIFICACIÓN CUNHA VALIOSA VITORIA

O BM.Culleredo Remax Riazor, estreábase onte sábado en competición oficial, concretamente no grupo B da fase de clasificación na categoría cadete masculina. O conxunto que visitaba Almeiras, o BM.Chapela, facía presaxiar un partido difícil para os cullerdenses, un encontro que se debía de traballar duramente de principio a fin para conquerir un resultado positivo. As intuicións convertéronse en certeza co paso dos minutos e aínda que os locais dominaron ao longo dos sesenta o electrónico, a irregularidade nas distintas fases do xogo, especialmente a defensiva e o potencial competitivo do rival, mantivo a incerteza ata o asubío final. Non foi un bo partido por parte de ningún dos equipos, expoñendo ambos as imprecisións e erros propios do inicio de competición con poucas semanas de preparación. Cos modelos de xogo aínda collidos con pinzas, os ataques impoñíanse ás defensas e os altibaixos no xogo sucedíanse alternativos favorecendo ou perxuducando a Rendondelanos e cullerdenses por igual. Nesta montaña rusa de descontrol, o BM.Culleredo Remax Riazor saía vencedor dos primeiros trinta minutos e o 20-16 que reflectía o marcador, antollábase como unha valiosísima vantaxe para a continuación.

Non variaría moito a escena no segundo acto e os de Culleredo, mantendo unha cómoda diferenza entre os 4 e cinco goles de media, afrontaban a recta final con claras posibilidades de vitoria. Cando todo parecía visto para sentenza co BM.Culleredo Remax Riazor alcanzando a máxima vantaxe por sete goles, a defensa presionante do BM.Chapela daba os seus froitos e as precipitacións dos de casa regalaban diversos balóns en forma de perdas. As alarmas acendíanse e as dúbidas rexurdían, xa que a diferenza reducíase aos dous tantos de vantaxe e o reloxo non deixaba marxe para moito máis. Dous defensas exitosas nos instantes finais, devolvían a tranquilidade á parroquia local que vía como o seu equipo terminaba por impoñerse por 39-35, conseguindo así, dous puntos vitais nesta fase clasificatoria.

BM. Remax Riazor: 39 (20+19). Hugo Díaz (P), Jorge Outón, Hugo Rodríguez, Teo López, Xoán Canedo, Fabián Manzo, Xoán Bello, Jaime Serrano, Roi Fdez, Iago Allegue, Diego Piñeiro, Alex Tajes.

Balonmán Chapela: 35 (16+19). Mateo Lago, Rubén Serantes, Xavier Barreiro, Lois Alonso, Iago Cerqueira, Raul Lago, Nicolás Alonso, Oscar González, José Carlos González, David Comesaña, Mario Fdez, Kevin Rodríguez, David Extremadura.

Parciais 5´: 4-2 / 7-4 / 10-7 / 14-11 /17-14 / 20-16 / DESCANSO / 23-19 / 27-22 / 29-24 / 32-27 / 37-33 / 39-35 / FINAL.

Colexiados: Martina Regueiro e Pablo Torreiro.

Incidencias: Primeiro encontro da categoría cadete masculino e da fase de Clasificación (Grupo B). Encontro disputado no pavillón de Almeiras con un centenar de siareiros de ambos os conxuntos nas bancadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *