Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO DESPREOCÚPATE.ES, SAE VITORIOSO NO SEU PRIMEIRO ENCONTRO DE PREPARACIÓN.

Acudía o BM.Culleredo Despreocúpate.es ao pavillón O Restollal en Santiago de Compostela para enfrontarse ao Ribadosar, no que sería o primeiro partido de pretempada do equipo e, polo tanto, o primeiro test da 2023/24 para os vermellos.
A entrada no 40x20 do polideportivo da capital, non foi todo o positivo que desexarían os cullerdenses e é que, a pesar do 0-2 inicial, os locais superarían con certa facilidade o sistema defensivo 6:0 exposto polo BM.Culleredo, pouco intenso, un tanto indolente e carente das axudas e profundidade defensivas necesarias ante a primeira liña rival. O posicional tampouco funcionaba con fluidez, acumulando numerosos erros TEC-TAC dentro dos conceptos de ataque ante a defensa pechada do Ribadosar, comezando pola deficiencia nas fixacións e terminando pola falta de velocidade e continuidade de balón nun xogo que adoecía do concepto colectivo. O dominio do Ribadosar facíase evidente a medida que se entraba no meridiano do primeiro acto, aínda que os de Culleredo non perdían corda, aproveitando os fallos de lanzamento para facer, das transicións, unha arma letal para os seus intereses. As rotacións no último tramo darían un plus ao BM.Culleredo Despreocúpate.es e serían cruciais para que as espadas permanecesen en todo o alto cara á continuación co 14-15 que reflectía o marcador ao termo dos primeiros trinta minutos.
Na continuación, os cullerdenses romperían o encontro apostando por un sistema defensivo 5:1 que maniataba ao seu rival, provocando numerosos erros e interceptacións, que sumaban goles a favor grazas ás rápidas transicións en primeira ou segunda onda. O amplo cadro de persoal do BM.Culleredo, facilitaba a continuidade da intensidade e o dinamismo grazas á rotación e a fatiga convertíase en inimigo do conxunto locatario co paso dos minutos. O BM.Culleredo Despreocúpate.es chegaba aos últimos instantes cunha diferenza cómoda e xa insalvable para o seu rival, conseguindo esa traballada vitoria no primeiro encontro desta pretempada.

Ribadosar - BM.Culleredo Despreocúpate.es: 25-31 (14-15).

Polo BM.Culleredo Despreocúpate.es xogaron:

Rubén Gantes (p), Mateo Pérez, Anxo Negreira, Iago Vázquez, Álvaro Siso, Nicolás Arias, Jairo Míguez, Juan Francisco Pazos, Diego Del Río, Xoel Insua, Mario Sánchez, Bruno Pardo ,Nicolás Díaz, Lucas López, Matías Teixeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *