Saltar ao contido

O Sweepend Culleredo prepara a tempada de 1ª Nacional no Torneo Festas de Culleredo

A falta de só dúas semanas para o inicio da liga de 1ª División Nacional, o noso equipo segue o seu traballo de preparación, nesta ocasión coa disputa como anfitrión do torneo triangular das Festas de Culleredo, que se disputaba no Pavillón de Tarrío. Os rivais, dous dos equipos chamados a estar na parte alta da táboa ao final da tempada: o Saeplast Cañiza e o Attica 21 Hoteles OAR Coruña.

O formato do torneo definía tres partidos consecutivos coa duración reducida a dous tempos de 20 minutos. Deste xeito, o primeiro encontro enfrontaba aos nosos co equipo da Cañiza, no segundo xogaría de novo o equipo cañicense fronte ao Attica 21 OAR, para rematar o torneo co definitivo partido entre o Sweepend Culleredo e o veciño equipo coruñés.

O primeiro partido arrancou con igualdade absoluta e alternancias pola mínima no marcador, cos dous equipos xogando con moi alto ritmo de xogo. O Culle saía de partida cunha defensa 5:1 que asfixiaba a circulación de balón dos visitantes e lles brindaba opcións para as rápidas transicións. Malia todo, en só dous minutos case ao final do primeiro tempo, catro perdas de balón consecutivas facían que se pasara de ter un gol de vantaxe para os nosos a chegar ao descanso con desvantaxe de tres tantos (10-13). Parecía moito castigo para o visto no tempo completo, pero é un recordatorio do caro que se poden pagar os erros. Na segunda metade, un partido diferente, con defensa 6:0 por parte do Culle, e un ritmo un pouco máis pausado, pero coa mesma igualdade sobre a pista, para chegar á última xogada do partido con catro goles de desvantaxe. O ensaio dunha última acción de pizarra co partido xa decidido tampouco saíu ben e encaixamos un último gol para certificar o definitivo 18-23.

A continuación, ao noso equipo tocáballe descansar mentras se enfrontaban os outros dous contendentes, nun partido dominado con bastante solvencia polo equipo da Cañiza durante máis de 30 minutos, pero ao que os oaristas conseguiron dar a volta no tramo final para acabar gañando con claridade por 21-18.

Por fin, no último encontro da tarde, o Sweepend Culleredo volvía á pista onde desde o primeiro minuto plantáballe cara ao equipo coruñés, alternando de novo as defensas 5:1 e 6:0, e conseguindo un ritmo de xogo alto, castigando ao rival nas transicións, para chegar ao descanso con vantaxe dun gol: 9-10. Na segunda parte, o alto nivel de esixencia defensiva ao que nos obrigaba o Attica 21 OAR, pasounos factura en forma de exclusións, chegando a estar case dous minutos completos con só catro xogadores de campo. Con todo, chegábase ao último minuto cun gol de vantaxe para os coruñeses. Tempo morto e preparación do noso último ataque, que finalizaba en gol e empataba o partido, pero o OAR aínda dispoñería dos derradeiros 15 segundos de posesión. Novo tempo morto, e case sobre a sirena, conseguía o gol que lle daba a vitoria: 21-22.

Boas sensacións do equipo cullerdense que, malia contar con sensibles baixas, e poñer en pista ata a cinco xogadores de categoría xuvenil, pasou con nota o exame de enfrontarse a equipos punteiros desta categoría.

A vindeira semana, disputaremos o último partido de preparación na pista do Granitos Ibéricos Carballal, en Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *