Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es non pode co Lalín no último partido de liga

Non quedaban máis oportunidades para o noso equipo xuvenil: última xornada de liga onde se decidían dúas prazas para a Final-4, con tres equipos candidatos a ocupalas, e lamentablemente a derrota na pista do UPI Informática Lalín deixaba aos nosos ás portas de clasificarse.

O partido arrancou cuns primeiros minutos dos nosos que resultaban esperanzadores, collendo a dianteira no marcador e mostrando unha contundencia defensiva que presaxiaba os problema que terían os locais para anotar. Pero pouco durarían as boas sensacións, e aos poucos minutos o equipo local parecía atopar a chave para abrir a nosa defensa, sobre todo con penetracións rápidas dos seus xogadores de primeira liña. Malia todo, o gran problema dos nosos non estaba na nosa zaga. O verdadeiro problema era a enorme dificultade que encontrábamos para conseguir éxito en tarefas ofensivas. A defensa presionante do Lalín, conseguía que a nosa circulación de balón fora moito máis espesa do que debería: xogadores demasiado estáticos, e un movemento de balón tan atascado que permitía á defensa reorganizarse a tempo para soportar as acometidas dos nosos.

Deste xeito, co equipo sentíndose cada vez máis presionado, o Lalín collía distancia e chegábamos ao descanso co complicado marcador de 16-10 a prol dos locais.

Na segunda parte, os nosos intentárono de todas as formas posibles: modificando a defensa saíndo do clásico 6:0 para buscar máis presión con 5:1, e máis adiante, mesmo cunha defensa máis extrema aínda, 4:2, coa intención de conseguir remontar a desvantaxe co rival. E en todas esas formacións, conseguíamos un razoable éxito, pero o problema seguía sendo o noso ataque. Co paso dos minutos, as presas aparecían e apertaban cada vez máis, e os fallos, principalmente no lanzamento, lastrábannos gravemente. O tempo corría no marcador de maneira inexorable, e aínda que en algún momento a diferenza chegou a reducirse ata os catro tantos, a verdade é que nunca tivemos opcións reais de disputarlle a vitoria a un Lalín que aproveitou moi ben as súas bazas.

Partido marcado pola altísima intensidade defensiva nas dúas áreas, con accións realmente duras que deixaban un marcador con números moi baixos, 26-18, e a confirmación da derrota do Culle, que nos deixa sen opcións para entrar na cobizada final a catro.

UPI Informática Lalín 26 (16+10): David Faílde, Mateo López, Jaime Conde, Juan Ramón Villar, Sergio Moure, Sergio Munín, Jorge Conde, Miguel López, Pablo López, Pablo Pérez, Alejandro Lalín, Raúl Albor, Xosé Cuiña, Brais Cangado, Nahuel Talquenca e Miguel Aller.

Culleredo despreocupate.es 18 (10+8): Víctor Sala, Iago Bescansa, Diego Sala, Marcos Regueiro, Juan Manuel Pérez, José Miguel Martínez, Shaiel Costa, Iván Sánchez, Teo Calvo, Samuel Seijas, Daniel González, David Martínez, Nuno Loxo, Pablo Fariña e Senén Garea.

Marcador cada 5 minutos: 0-2 / 5-2 / 8-5 / 11-7 / 13-9 / 16-10(D) / 18-12 / 19-12 / 21-14 / 23-15 / 24-18 / 26-18.

Árbitros: Carlos Manuel Alonso e Martín Rodríguez.

Incidencias: partido correspondente á 18ª e derradeira xornada da Liga Ouro xuvenil masculina, disputado no Pavillón Lalín Arena o domingo 26 de marzo de 2023.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *