Saltar ao contido

O BM.CULLEREDO REMAX COMPLETA UN ENCONTRO EXCELENTE PARA SUPERAR AO PRIMEIRO CLASIFICADO

Magnífico partido do BM.Culleredo Remax Riazor para impoñerse a domicilio ante primeiro clasificado e campión do grupo 1 da liga Prata.
Disputábase no pavillón Valle Inclán a última xornada da liga Prata, na que xa estaba decidido o campión que non era outro que o conxunto local, o BM.Atlántico. A pesar das baixas que acumulaban os locais, o BM.Culleredo Remax Riazor completou o que podemos cualificar como mellor encontro da tempada, referendando desta maneira o seu bo momento de forma e a progresión ascendente que o equipo tivo nesta segunda parte do campionato. Non en balde, tanto BM.Culleredo Caravaning como o Remax Riazor, conclúen esta competición como segundo e terceiro clasificado respectivamente con 18 puntos cada un, que unido ao campionato galego logrado polo BM.Culleredo Sweepend, fala moi ben do traballo levado a cabo polos 41 nenos que compoñen este grupo cadete.
Na matinal deste Domingo, o BM.Culleredo Remax Riazor non deu opción ao seu rival, mostrándose moi serio e concentrado e facendo da súa férrea retagarda o bastión dende onde cimentar a vitoria. A segunda onda do contraataque luciría de forma notable, especialmente no primeiro acto e no posicional, a claridade de ideas para desarbolar e atacar o 5:1 proposto polo conxunto locatario, daban os seus froitos e recompensaba o bo facer dos cullerdenses cun resultado convincente ao descanso (11-21).
Na continuación, o BMCulleredo Remax Riazor, completaría a faena sen mostrar ningunha fisura e todo o cadro de persoal realizaría un gran traballo colectivo para rubricar unha vitoria de prestixio que premia de forma moi merecida o traballo destes rapaces cadetes.

BM ATLÁNTICO: Adrián Río,Daniel Archilla, Pablo Castiñeira, Roi Fdez, Miguel Ángel Fdez, Daniel García, Emmmanuele García, Diego Lema, Diego Abades, Martin Vinagre, Daniel González, Gonzalo García-Armero, Iker Curto, Mateo Martínez.

BM CULLEREDO REMAX RIAZOR : Rubén Gantes (p), Adrián López (p), Matias Teixeiro, Fabián Manzo, Bruno Pardo, Lucas López, Iago Vázquez, Álvaro Siso, Diego Piñeiro, Jorge Outón, Iago Allegue, Pablo Ares, Mario Sánchez.

PARCIAIS CADA 5´: 3-3 / 4-6 / 5-11 / 9-13 / 11-18 / 11-21 / Descanso / 13-22 / 15-25 / 16-25 / 17-27 / 17-29 / 21-35 / Final.

ÁRBITROS: Iván Alfonso Pazos.

INCIDENCIAS: Partido correspondente a última xornada da liga cadete masculina prata (Grupo 1), disputado no pavillón Valle Inclán. Moi boa asistencias de público e destacar os siareiros desprazados de Culleredo que en magnífico número asistiron a este derbi provincial..

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *