Saltar ao contido

Cómoda vitoria do Culleredo despreocupate.es no último partido de liga en casa

O xuvenil masculino de Liga Ouro afrontaba o encontro fronte ao Reconquista de Vigo coa presión de saber que non se podía fallar, xa que os dous puntos resultaban imprescindibles para conseguir o noso obxectivo na clasificación. Pero o equipo estivo á altura e o partido acabou sendo un trámite á espera da última xornada ligueira.

O partido arrancou co noso equipo poñendo un nivel defensivo que lles deixaba claro aos vigueses desde o primeiro minuto, que cada gol lles ía custar un gran esforzo. O centro da nosa defensa era totalmente inexpugnable, tanto rexeitando as penetracións, como evitando a conexión da primeira liña co pivote, e mesmo anulando por completo a posibilidade de lanzamento exterior grazas á profundidade que desenvolvía. Ás únicas posibilidades do rival eran intentar forzar os lanzamentos desde zonas exteriores, aínda que tampouco lles daba moito éxito.

Pese a todo, un par de exclusións nos primeiros minutos, xunto con algún erro máis no ataque, onde se acusaba un pouco a precipitación, facían que o marcador non acabara de reflectir a superioridade que si se vía no campo. Deste xeito, chegábase ao descanso cunha diferencia de só dous tantos a prol dos nosos, 13-11, aínda que as sensacións eran mellores que os números.

Na segunda metade, o castigo físico que os nosos impoñían aos olívicos decidiu o partido. O Culle, moi superior físicamente, e con máis rotacións desde o banco, pasou por riba do Reconquista coas mesmas armas da primeira metade: contundencia defensiva, e esta vez si, goles rápidos á contra. A saída de xogadores frescos na volta do descanso puxo un ritmo que os vigueses non foron quen de soportar, e o partido quedaba sentenciado cando nos primeiros 15 minutos desta segunda metade o Reconquista só conseguía anotar un único tanto. O resto do partido, rotación de xogadores e deixar correr os minutos co traballo xa feito.

Partido que nos deixa boas sensacións e que nos pon ás portas dunha auténtica final como a que teremos que disputar fronte ao Lalín na súa casa (dentro de dúas semanas), onde só o equipo que resulte vencedor terá acceso a loitar pola Final-4.

Culleredo despreocupate.es 30 (13+17): Víctor Sala, Iago Bescansa (2), Lucas Sánchez (4), Marcos Regueiro (2), Juan Manuel Pérez, José Miguel Martínez, Shaiel Costa, Iván Sánchez (2), Teo Calvo (1), Samuel Seijas (3), Daniel González (6), David Martínez (6), Nuno Loxo (2), Pablo Fariña e Senén Garea (2).

Reconquista de Vigo 19 (11+8): Nicolás Díez, Isaac Mani (1), Álex Alonso (1), Sergio San Millán (1), Nicolás Lamas (4), Diego Armesto, Fernando Murillo, Héctor Rodríguez, Sergio Reinaldo (4), Marcos López (5), Hugo Alonso (2) e Carlos Cubas (1).

Marcador cada 5 minutos: 2-1 / 4-3 / 7-6 / 8-8 / 11-11 / 13-11(D) / 17-11 / 20-12 / 21-13 / 24-15 / 26-16 / 30-19.

Árbitros: Pablo Torreiro e André Pena.

Incidencias: partido correspondente á 17ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina, disputado no Pavillón de Almeiras o domingo 12 de marzo de 2023.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *