Saltar ao contido

BM.CULLEREDO SWEEPEND:UN CAMPIÓN GALEGO INVICTO

15 vitorias en 15 xornadas, ese é a bagaxe do BM.Culleredo Sweepend, equipo cadete de Liga Ouro que onte se proclamou de forma brillante campión galego a falta de tres xornadas para o final da competición. A senda percorrida polos mozos do BM.Culleredo, non podía ser mellor e viaxaban na tarde de onte Sábado ata a localidade de Pontevedra coa ambición de conseguir dous novos puntos, unha vitoria máis que neste caso sería especial porque os proclamaría campións galegos de forma matemática e con iso outorgaríalles un billete para disputar o campionato nacional. En fronte, o Cisne Colegio Los Sauces, terceiro clasificado e con moito en xogo tamén, xa que a segunda praza outorga certos privilexios de fronte ao equipo ou equipos que poidan acompañar aos cullerdenses ao intersector nacional.
Os mozos do BM.Culleredo Sweepend, saltarían ao 40x20 do multiusos da cidade do Lerez co firme propósito de evitar sorpresas e finiquitar o envite pola vía rápida. A intensidade imposta no xogo desde os inicios, non daría ningunha opción aos locais, que no meridiano xa perdían boa parte das súas opcións cun parcial importante de 5-12. A comodidade que ofrecía a diferenza nos algarismos, permitiría entón as rotacións de todo o cadro de persoal cullerdense e a administración e xestión dos esforzos individuais, serían importantes para manter un alto ritmo e a implicación de todos os convocados. Un marcador moi significativo a favor dos de Culleredo (8-18) no tempo de descanso, deixaba moi achandado o camiño cara ao título final, pero aínda quedaban trinta minutos de traballo serio para poder certificar o alirón.
Centrados na faena encomendada e sen vestixios de confianza, saíron os mozos do BM.Culleredo Sweepend no segundo acto, dispostos a evitar calquera posibilidade de reacción por parte do seu rival e lanzados cara á vitoria final. Os cullerdenses dominarían tamén os segundos trinta minutos e todas as fases do xogo tiñan un claro acento norteño. Co paso dos minutos, a fatiga incrementábase nas filas locais e o encontro focalizábase no tempo que restaba para a algarabía dos xogadores cullerdenses e a súa afección, que en bo número acompañou á o equipo.

Co asubío final, estalido de xúbilo por parte de todos ante o meritorio logro, unha vez máis, deste grupo de cadetes, 41 mozos traballando cada día con constancia e dedicación e recollendo a seménta, ano tras ano, de todo ese compromiso e perseveranza.

Cisne Colegio Los Sauces: 20 (8+12). Antón Rodríguez, Brandol Antonio Ferreira (2), Antonio Rey, Alejandro Arias (1), Javier Costa, Pablo Pazos (4), Adrián Veiga, Román Latas (1), Matías Gestido (4), Pedro Ángel Gutierrez, Roque Díaz, Manuel Hernández (4), Adrián Lago (1), Xoel Lago (3), Mateo Monteagudo.

BM. Culleredo Sweepend: 34 (18+16). Marco González (P), Hugo García (P), Jaime Serrano (2), Atalo Bello (4), Roi Fdez (4), Hugo Rodríguez (1), Adrián Veira (1), Iván Sánchez (8), Aaron Blanco, Antón Pérez (1), Samuel Seijas (5), Josemi Martínez (1), Nicolás Casal (2), Alejo Martínez (3), Anxo Negreira (2).

Parciais cada 5´: 2-5 / 5-8 / 5-12 / 6-15 / 7-16 / 8-18 / Descanso / 9-21 / 10-24 / 12-28 / 14-29 / 16-30 / 20-34 / Final.

Colexiados: Marta González e Catarina Adao.

Incidencias: Xornada nº 15 da Liga Ouro na categoría cadete masculino, disputado no multiusos da Xunqueira (Pontevedra). Cheo nas bancadas e moi bo ambiente de balonmán con coarenta siareiros do BM.Culleredo que puideron disfrutar co seu equipo e viron insitu como estes rapaces acadaron un novo campionato galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *