Saltar ao contido

O Culleredo despreocupate.es non pode co ALS Xiria en Carballo

Xa desde antes de entrar no terreo de xogo sabíamos os dous equipos que se trataba dun partido de alta tensión, deses nos que os erros sempre custan caros, xa que estando os dous equipos empatados a puntos na clasificación, e con tan só dúas xornadas máis por diante, os puntos en disputa serían vitais.
E chegamos dispostos a loitar pola vitoria, pero lamentablemente moi pronto comprobamos que non era o noso día. Foi un deses días nos que todo sae mal, e aos poucos minutos de comezar o encontro, o equipo local empezaría a escaparse no marcador e xa nunca puidemos achegarnos.

A tónica do partido foi moi similar ao longo dos 60 minutos: a nosa defensa conseguía frear o xogo rápido do Xiria, e como tantas outras veces nos ocorreu nesta tempada, conseguíamos levar ao noso rival ata a ameaza de xogo pasivo en case todas as nosas accións defensivas. O problema foi que a pesar de ir sempre ao límite, dunha maneira ou de outra o Xiria case sempre acababa conseguindo anotar. O noso esixente traballo en defensa desgastábanos, pero non acababa de conseguir premio.

En ataque, comezamos conseguindo situacións de lanzamento máis ou menos claras, pero fallando unha e outra vez no lanzamento. Conforme pasaban os minutos, esta falta de acerto o único que fixo foi meternos máis presión, e acabamos facendo ataques cada vez máis precipitados. Se había erros cando cociñabamos o ataque con calma, a cousa non podía mellorar cando empezamos a facelo con presas.

Por se fora pouco, partido tamén pouco afortunado no plano físico, onde varios xogadores saíron con golpes de distinta consideración, o que en maior ou menor medida, tamén aumentou a dificultade para xogar ao noso mellor nivel. Afortunadamente, ningún deles de gravidade.

O certo é que as sensacións eran de que podíamos ter maior acerto fronte a un equipo ao que lle teriamos que competir moito mellor, pero tamén é certo que non fomos quen de facelo, e o Xiria levou os dous puntos en xogo con todo merecemento. Quedan dúas finais nas que xa non podemos fallar, pero todo segue dependendo de nós mesmos. A próxima cita será a vindeira fin de semana en Almeiras fronte ao Reconquista de Vigo, último partido da liga regular en casa, onde esperamos o apoio de toda a nosa afección nun partido que xa é de máxima trascendencia.

Resultado:
ALS Xiria A 31 - Culleredo despreocupate.es 23

Árbitros: Iván Hernández e Renzo Diaz.

Incidencias: partido correspondente á 16ª xornada da Liga Ouro xuvenil masculina, adiantado ao venres 3 de marzo de 2023, e disputado no Pavillón Vila de Noia en Carballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *